O CONCELLO ACTIVA O LUNS O NOVO PORTAL MUNICIPAL PARAPROMOVER O ALUGUEIRO DE VIVENDAS BALEIRAS NA ESTRADA

• A ferramenta, desenvolvida polos técnicos de aestradadixital, permitirá
tanto a incorporación de inmobles por parte dos propietarios como a
consulta pública de vivendas dispoñibles.
• A inscrición no portal será un requisito imprescindible para que os
propietarios accedan ás medidas incluídas no Plan Municipal de
Fomento do Alugueiro, como a bonificación de ata o 50% no IBI ou o
acceso ás subvencións para rehabilitación de inmobles.

O Concello da Estrada porá en funcionamento o luns, 8
de xullo, o novo portal municipal co que se pretende promover o alugueiro de vivendas
baleiras no termo estradense. A ferramenta dixital estará dispoñible dende a páxina web
www.aestrada.gal. A creación desta plataforma, que funcionará como portal público de
vivenda dispoñible, é un dos piares nos que se sustenta o proxecto impulsado polo goberno
local para favorecer o arrendamento das 3.313 vivendas que as estatísticas aseguran
baleiras na Estrada. A isto súmase un censo municipal de vivendas baleiras e outras medidas
como a bonificación do IBI para inmobles en alugueiro ou o apoio ás reformas,
A ferramenta, desenvolvida polos técnicos de aestradadixital, permitirá tanto a
incorporación de inmobles por parte dos propietarios como a consulta pública de
vivendas dispoñibles, facilitando o contacto directo entre ámbalas dúas partes.
Deste xeito, o concelleiro de Reto Demográfico e Vivenda, Manuel Magariños, explicou
que o portal se estrutura en dúas áreas diferenciadas. A primeira está destinada aos
propietarios, que poderán rexistrarse e dar de alta tantas vivendas como desexen,
incluíndo datos de contacto (particulares ou inmobiliarias), unha descrición das
estancias e do equipamento dispoñible, así como imaxes actualizadas da vivenda.
A segunda área está dirixida ás persoas interesadas en alugar unha vivenda. Estas
poderán consultar libremente os inmobles dispoñibles e empregar filtros de busca como
unha diferenciación por parroquia, número de habitacións, superficie, prezos ou
características específicas.

“O portal presenta un deseño claro e intuitivo, pensado para facilitar tanto o rexistro de
vivendas como a súa procura”, sinalou Magariños, que lembrou que a inscrición no
portal será un requisito imprescindible para que os propietarios poidan acceder ás
medidas incluídas no Plan Municipal de Fomento do Alugueiro, como a bonificación de
ata o 50% no IBI ou o acceso ás subvencións para rehabilitación de inmobles.
“Este rexistro será a base para a elaboración do Censo Municipal de Vivendas Baleiras,
ferramenta clave para orientar as políticas públicas neste eido”, subliñou tamén o titular
estradense de Vivenda.
Apoio técnico
Por outra banda, o Concello ten habilitado un servizo de apoio técnico, tanto presencial
coma telefónico, para facilitar o proceso de alta aos usuarios. As persoas interesadas
poden contactar a través do correo soporte@aestradadixital.gal ou no teléfono 986 570
997.
Dende o Concello insistiuse tamén na importancia da implicación veciñal. “O éxito desta
iniciativa dependerá da participación activa dos propietarios. Canto máis inmobles
dispoñibles, máis oportunidades de futuro para A Estrada”, sinalou Magariños.
O edil aproveitou tamén para agradecer expresamente o traballo desenvolvido polo
equipo técnico de aestradadixital. “Contar cun equipo propio permitiunos deseñar unha
ferramenta adaptada ás nosas necesidades, áxil, visual e pensada para seguir
mellorando coas achegas dos usuarios”, dixo o responsable de Vivenda.
O Concello anima a todos os propietarios de vivendas baleiras a inscribirse no portal e a
colaborar para facer fronte ao reto do acceso á vivenda no municipio.“Con esta iniciativa
damos un paso máis no compromiso de mobilizar os recursos dispoñibles e facer de A
Estrada un lugar atractivo e accesible para vivir”, conclúe Magariños.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.