A ESTRADA LEVARÁ A ÓPERA Á RÚA DA MAN DO TEATRO REAL DEMADRID, CUNHA RETRANSMISIÓN EN DIRECTO O VENRES 19 DE XULLO

 O Concello súmase ás entidades que contarán cunha retransmisión en
directo de “A Traviata”, de Verdi, dende a capital madrileña.
 Poderá seguirse, de xeito totalmente gratuíto, a través da pantalla
instalada na Porta do Sol.

– A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane,
presentou esta mañá unha iniciativa que o Concello impulsa da man do Teatro Real de
Madrid para sacar a ópera á rúa. Deste xeito, os cidadáns poderán gozar o vindeiro
venres, 19 de xullo, dunha das óperas máis populares da historia, “A Traviata”, de
Giuseppe Verdi. Será a través dunha retransmisión en directo dende o teatro madrileño,
arrancando a función ás 21.00 horas.
O Teatro Real cumpre 10 anos xa levando a ópera á rúa a través de grandes
retransmisións en directo, creando un programa sen fronteiras que fai que a ópera sexa
accesible para todos os cidadáns. A entidade facilitará o sinal de forma gratuíta a
concellos e institucións culturais que, como o da Estrada, solicitaron participar deste
programa. O Concello terá que poñer o espazo e os medios necesarios para que poida
visualizarse a representación.
Seoane puxo o acento en que será “unha oportunidade única para que o público poida
gozar da beleza da ópera, dende o Teatro Real de Madrid pero case sen movernos da
nosa casa”, apuntou. Sinalou que “A Traviata” de Verdi é unha das óperas máis queridas
polo público, “unha obra intensa, romántica e tráxica” baseada na novela “A dama das
camelias”, de Alejandro Dumas.
A ópera relata a apaixoada historia de amor, no París do século XIX entre a cortesá
Violetta Valèry e o nobre Alfredo Germont, unha parella cuxa felicidade se ve ameazada
pola hipócrita sociedade burguesa da época. Esta emblemática peza contén unha música
poderosa e emotiva que chega directa ao corazón, con momentos inesquecibles para a
cultura popular como as arias “Sempre libera”, “Addio do passato” ou o fermosísimo
brinde “Libiamo ne´lieti calici”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.