Será o venres, nas instalacións do CEIP Figueiroa, dende as 10.00
horas.
Poderán acudir os asistentes ás diferentes quendas dos campamentos
convocados por Servizos Sociais, en calquera das súas localizacións.
Haberá obradoiros de xogos tradicionais e populares a cargo de Sonoras
e representación teatral, con Bandullo Azul.
O departamento municipal de Servizos Sociais ten
convocada para este venres, 6 de setembro, unha festa de clausura dos campamentos
urbanos programados para este verán. A estas actividades, deseñadas para favorecer
entre os estradenses a conciliación da vida laboral e familiar, asistiron preto de 500
nenos e nenas, entre o casco urbano e o rural. Todos eles están convidados a asistir o
venres e este evento, previsto nas instalacións do colexio Figueiroa.
O centro acollerá aos nenos e nenas asistentes entre as 08.00 e as 15.00 horas, cubrindo
o horario habitual do campamento. Como queda avanzado, están convidados os rapaces
que asistiron en calquera das quendas e lugares do programa. O inicio das actividades
extraordinarias organizadas para este día arrancará ás 10.00, debullando un amplo
cartel.
Deste xeito, de 10.00 a 12.00 haberá obradoiros de xogos tradicionais e populares, con
aplicación de perspectiva de xénero. Estarán guiados polo equipo de Sonoras.
Seguidamente, de 12.00 a 14.00 horas, está prevista unha representación teatral a cargo
da compañía Bandullo Azul, titulada Historias dun mundo grande, onde a cadeliña Becki
contará historias de colaboración e solidariedade vividas nas súas viaxes polo mundo,
convidando aos asistentes a cantar e bailar para celebrar a fin do verán.
Esta xornada, á que asistirá a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, porá broche
á programación desenvolta durante os meses de xullo, agosto e días de setembro,
contando coa firma estradense Coesco. Baixo o lema “Volta ao mundo nun verán”, os
campistas descubriron, a través de xogos, dinámicas grupais e actividades creativas,
outras culturas e países viaxando en cada quincena por un continente diferente.
Os diferentes campamentos urbanos que Servizos Sociais desenvolve nas instalacións dos
colexios de Figueiroa, Oca, O Foxo, Codeseda e Vea sumaron este verán arredor de 490
solicitudes formalizadas, con 285 en xullo, 160 en agosto e 43 nos primeiros días de
setembro. O CEIP Figueiroa acolleu este verán aos campistas que, de xeito habitual, acudían
ao Pérez Viondi, centro educativo no que continuaron as obras en execución aproveitando o
paro estival da actividade lectiva.








































