O SEAGA ABRE NOVA ROLDA DE INSPECCIÓNS NAS 30.000 PARCELAS
EN FAIXA DE PROTECCIÓN DOS NÚCLEOS ESTRADENSES PARA
COMPROBAR A EXECUCIÓN DAS LIMPEZAS
Técnicos do Servizo Agrario Galego (Seaga)
emprenden estes días un novo percorrido polo termo municipal estradense para realizar
desta volta unha inspección en 30.000 parcelas situadas na faixa de protección dos
núcleos rurais, unha revisión que busca comprobar o grado de execución das limpezas
que este ente autonómico urxiu acometer para teren debidamente xestionada a
biomasa destas propiedades.
Cómpre lembrar que a revisión inicial destas 30.000 fincas, realizada a comenzos de ano,
derivou na emisión de 10.000 requirimentos de intervención, establecendo o 31 de maio
como data límite para a execución das limpezas. Aínda que nos tres meses transcorridos
dende entón non se efectuou a inspección, coa chegada do mes de setembro o Seaga xa
comunicou ao Concello da Estrada que será nestes días cando se volva sobre o terreo
En base á información que o servizo lle trasladou ao alcalde, Gonzalo Louzao, os titulares
das fincas nas que non se realizaron as intervencións requiridas no primeiro aviso
recibirán agora unha segunda notificación. Desta volta, o Seaga dará aos particulares un
prazo de 15 días para realizar os traballos. Se os titulares volven ignorar o requirimento,
chegarán as sancións.
Non prorrogable
“Somos conscientes de que se fixo unha limpeza moi importante”, apuntou o alcalde da
Estrada. Non obstante, Gonzalo Louzao non deixou de recoñecer que o número de
notificacións que o Seaga emita nesta segunda volta serán o indicador máis fidedigno do
grao de atención á hora de subsanar as necesidades que o servizo detectou na súa
primeira rolda de visitas. O Seaga incluíu entón nos seus informes todas as accións
necesarias en cada unha das fincas, de xeito que as medidas correctoras en cada caso
non deixaron marxe para a interpretación.
O rexedor local insistiu en que o prazo que agora dará o Seaga na segunda inspección
non é prorrogable, de xeito que recomendou ás persoas que non fixeron as limpezas en
tempo e forma que non o demoren máis e inicien de maneira inmediata a execución.
Chegada gradual
O mandatario explicou que solicitou ao Seaga que emita os novos requirimentos de xeito
gradual, ademais de demandar a presenza de técnicos do servizo no Concello para poder
atender ás persoas que, de seguro, se achegarán ata a sede municipal cando comece a
recepción das novas notificacións.
Louzao Dono asumiu que o labor de inspección do Seaga nas fincas situadas na faixa de
protección das aldeas estradenses, e as medidas correctoras dela derivadas, non atopan
precedente no Concello da Estrada e que, por iso, o protocolo de actuación sorprendeu
a moitos veciños. En todo caso, o alcalde coida que permitiu poñer o foco na
“importancia e utilidade de chegar ao verán coas vivendas e as persoas protexidas”.
“Houbo unha porcentaxe importante de limpezas que non se terían feito”, considerou o
alcalde. “Sabemos que houbo unha mellora substancial. Coido que se fixeron ben as
cousas cando había que facelas”, valorou.
“A aposta polo rural non é só rozar as cunetas; esta aposta esixe unha colaboración
público-privada”, remarcou Louzao Dono. Sinalou que se deixou pasar o verán dende a
primeira de notificacións, atendendo tamén a que o estío non é momento de efectuar
traballos de roza mecánica polo risco que poden supoñer.
Contando con que sexa significativo o número de propietarios que cumpriron coa
encomenda da limpeza das súas fincas, o alcalde apelou á responsabilidade para chegar
á próxima tempada “cos deberes feitos






































