O alcalde da Estrada recoñece que existe demanda no Concello e
preguntas na Consellería de Economía para a instalación industrial
neste municipio.
Sinala o carácter estratéxico de planificar a expansión do polígono de
Toedo situando ao seu pé a chegada dunha autovía, libre de peaxe, que
conectará A Estrada de xeito moi áxil coa capital galega, un aeroporto, e
unha estación de tren.
Pon en valor un investimento de 13 millóns de euros para impulsar este
“piar estratéxico na Estrada das oportunidades”.
No día despois de que o Consello da Xunta dese un
paso decisivo cara a ampliación pública do polígono industrial de Toedo, o alcalde da
Estrada, Gonzalo Louzao Dono, confirmou o interese que tanto dende o Concello da
Estrada como dende a Xunta de Galicia se está constatando para o asentamento nas
novas parcelas proxectadas no principal parque empresarial deste municipio. “Hai
demanda no Concello e hai tamén preguntas na Consellería de Economía, polo que é un
dos polígonos estratéxicos para o goberno galego”, apuntou o rexedor, aliñándose coas
declaracións nas que o propio presidente autonómico, Alfonso Rueda, recoñecía este
mesmo interese empresarial na Estrada.
“Esa demanda de solo no noso concello foi escoitada reforzando eixos fundamentais:
por un lado as comunicacións e, por outro, novas ofertas laborais a través da ampliación
pública da superficie industrial, dúas oportunidades para o asentamento de poboación
que invitan a traballar na creación de vivenda, por iniciativa pública e privada”,
continuou. “Para que haxa demanda de vivenda ten que haber oferta laboral”, sintetizou
Louzao Dono, que puxo o acento no carácter estratéxico de planificar a ampliación do
polígono de Toedo situando ao seu pé a chegada dunha autovía libre de peaxe que
conectará A Estrada de xeito moi áxil coa capital galega, un aeroporto e unha estación de
tren.
Tras sinalar que a ampliación promovida por la sociedade Xestión do Solo de Galicia
(Xestur) suporá que o polígono de Toedo medre en máis dun 80%, o xefe do executivo
local fixo fincapé en que este proxecto “é un piar estratéxico para esa A Estrada das
oportunidades da que falamos e temos que celebrar que a ampliación deste polígono
industrial vai dando os seus pasos”. “É a colmatación a un proceso de competitividade de
todos os concellos e é a forma de dotar ao municipio estradense das ferramentas para
que o crecemento da nosa capacidade industrial e laboral sexa o axeitado”, afirmou
Louzao.
O rexedor asumiu que son moitos os territorios e as demandas, polo que quixo poñer en
valor a aposta e a planificación que se está facendo na Estrada, contemplando un
orzamento de 13 millóns de euros para impulsar a expansión pública deste parque
empresarial. Con esta nova fase de 157.000 metros cadrados o polígono acadará unha
superficie total de 347.239.
Plan Estruturante
O Consello da Xunta tomou este luns razón da aprobación inicial do Plan Estruturante de
Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE) para a segunda ampliación do parque
empresarial de Toedo. Coa iniciativa de expandir este polígono, o goberno galego
atende a demanda da comarca de Tabeirós-Terra de Montes de contar con máis solo
empresarial para impulsar a implantación de novas industrias na zona e para que as
empresas que xa están alí implantadas poidan aumentar as súas capacidades
produtivas.
Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido
empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun
modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio
ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o
equilibrio territorial.







































