As persoas que se anotaron no mes de xullo reciben agora unha carta
con toda a información e cunha data para que soliciten no Concello, por
orde de inscrición, a súa viaxe.
Dende o 20 de outubro ao 4 de novembro están en axenda 30 citas
diarias, cada unha delas con 15 minutos de diferencia.
Os primeiros viaxeiros partirán en febreiro e os últimos, en xuño.
Entre as opcións concedidas á Estrada figuran distintas alternativas e
datas para viaxes a Mallorca, Roquetas del Mar (Almería), Benidorm
(Alicante), La Manga (Murcia), Palencia ou Tenerife.
A concelleira estradense de Servizos Sociais, Amalia
Goldar, informou esta mañá de que o Concello da Estrada vén de recibir a resolución do
Programa de Turismo do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) pola que se
conceden ao municipio estradense 16 viaxes e un total de 385 prazas. Dende o Concello
estase xa chamando ás persoas anotadas para que -seguindo a orde da inscrición
realizada o pasado mes de xullo- acudan ao consistorio para facer a súa escolla entre os
destinos ofertados.
Os usuarios serán atendidos entre o 20 de outubro e o 4 de novembro. Despois do aviso
telefónico, os interesados recollerán no Concello unha carta na que se lles aporta toda a
información sobre destinos, datas e prezos. Trátase dunha comunicación personalizada,
na que tamén se inclúe unha cita, con data e hora, na que terán que acudir ao
departamento municipal de Servizos Sociais para escoller viaxe. Dende o 20 de outubro
están en axenda 30 citas diarias, cada unha delas con 15 minutos de diferencia.
Dende Servizos Sociais púxose hoxe o acento na conveniencia de que as persoas acudan
á cita con varios destinos pensados, tendo en conta a posibilidade de que algúns dos
seus preferentes poidan estar esgotados cando lles chegue a quenda de elección. Faise
notar tamén que se respectará de xeito estrito o día de hora de cada unha das citas.
Aínda que, despois da inscrición realizada no mes de xullo se remitiu o número de
solicitudes ao Imserso, as prazas concedidas para o Concello da Estrada son menores
que a demanda, de xeito que non poderán viaxar todos os solicitantes. Os primeiros
viaxeiros partirán o 10 de febreiro e os últimos viaxarán o 1 de xuño.
En canto aos destinos, entre as opcións concedidas á Estrada figuran distintas
alternativas e datas para viaxes a Mallorca, Roquetas del Mar (Almería), Benidorm
(Alicante), La Manga (Murcia), Palencia ou Tenerife.
A estancia máis curta é de 6 días e as máis longas (tamén as máis habituais) son de 10. Os
prezos oscilan entre os 285 euros e os 464. O Concello da Estrada inclúe para estes
veciños os desprazamentos en autobús ao aeroporto.







































