Os galardóns que impulsa o Concello da Estrada premian o uso e
defensa do galego nos ámbitos comarcal, galego e durante toda unha
vida.
A entrega realizarase o vindeiro 11 de novembro, ás 20.00 horas, no
Teatro Principal.
O Padroado dos Premios San Martiño de
Normalización Lingüística, constituído na noite deste luns, resolveu a concesión dos
premios pertencentes á trixésimo quinta edición a Recuncho da Lingua, Abraham
Cupeiro e Ramiro Varela Cives. A entrega realizarase o vindeiro 11 de novembro no
Teatro Principal, ás 20.00 horas.
Promovidos polo Concello da Estrada, estes premios galardoan o traballo a prol da lingua
galega en tres ámbitos: na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, no ámbito galego e no
contexto de toda unha vida. O xurado estivo conformado por Lucía Seoane Rosende,
Iván Sanmartín Eirín, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas, Xosé Lueiro
Lemos e María Sanmartín Ruzo, esta última exercendo como secretaria.
O premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes recaerá no
programa de dinamización lingüística e cultural “O Recuncho da Lingua”, emitindo
dende hai seis anos pola emisora municipal Radio Estrada, dentro do seu programa
“Ensaiar é de covardes”. Está dirixido e presentado pola mestra estradense Pilar
Bernárdez. A acta do xurado recolle que “ademais de promover o uso do galego entre a
xente nova e de divulgar a obra de distintos referentes literarios estradenses, este
espazo, de periodicidade semanal, é tamén un foco difusor da nosa historia, das nosas
tradicións e da nosa cultura popular”.
O premio San Martiño á normalización lingüística no ámbito galego será este ano para o
lugués Abraham Cupeiro. Construtor, musicólogo e multinstrumentista, está
especializado na recuperación de instrumentos ancestrais que utiliza para crear novas
sonoridades. O músico destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx
(trompeta celta da Idade de Ferro) ou o Cornu que se tocaba nas grandes ocasións no
Senado romano. Con varios discos no mercado, Cupeiro comparte escenario con
grandes orquestras nacionais e internacionais, ademais de compoñer e colaborar en
bandas sonoras e de traballar cos mellores músicos do mundo. O músico tamén destaca
pola recuperación de instrumentos tradicionais galegos e polo uso da lingua nai ao longo
de toda a súa traxectoria artística.
Finalmente, o galardón a toda unha vida de defensa do galego recaerá no doutor
estradense Ramiro Varela Cives. Iniciou a súa traxectoria como cirurxián pediátrico,
ademais de exercer o papel de profesor titular na Universidade de Santiago de
Compostela. Leva publicados máis de 100 artigos en revistas nacionais e internacionais e
presentado máis de 20 ponencias en congresos de todo o mundo. Varela Cives foi
distinguido con prestixiosos galardóns como a Medalla de Honra da Academia MédicoQuirúrxica de Santiago ou a Medalla de Ouro da Asociación Fillos e Amigos da Estrada, da
que foi presidente entre os anos 2017 e 2023. Recibiu tamén o Salmón de Ouro, é
membro da Real Academia de Medicina de Galicia e presidente da Fundación de Amigos
de Galicia. O xurado subliña que “foi dos primeiros médicos en empregar a lingua galega
no seu ámbito profesional”.









































