O encontro celebrarase na sede da Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) o vindeiro mércores, 19 de novembro, ás 19.30 horas. Busca facilitarlles a preparación para a convocatoria, dende xaneiro, de axudas como as do programa Leader. O alcalde lembra o interese en que a reserva de solo industrial na ampliación do polígono de Toedo quede conformada antes de que finalice o ano.
O Concello da Estrada e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte convocan ao empresariado estradense a unha reunión informativa para ofrecer orientación sobre diferentes liñas de subvencións que tanto a administración autonómica como a municipal convocan para autónomos e empresas de cara ao exercicio 2026. O encontro celebrarase na sede da Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) o vindeiro mércores, 19 de novembro, ás 19.30 horas. Na sesión estarán presentes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o xerente do GDR Terras de Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal, o presidente da ACE, José Luis Terceiro, e a técnico municipal de Emprego e Subvencións, Ana Ferradáns. A xuntanza ten como principal propósito poñer sobre a mesa información útil para o empresariado, con tempo para que poidan preparar as súas solicitudes ás distintas axudas que se convocarán dende o mes de xaneiro. Concretamente, o GDR informará sobre as axudas do programa Leader nas que poden ter encaixe tanto a actividade de autónomos como a de diferentes empresas da zona. Dende o Concello informarase polo miúdo do programa municipal que cada ano reserva fondos para fomentar e axudar o emprendemento (as axudas convócanse en marzo), ademais de aproveitar a sesión para que a orientadora laboral da administración municipal poida perfilar algunhas das achegas que poderían resultar de interese para o empresariado participante.
“Tamén queremos escoitar as dúbidas e propostas que teñen os empresarios e que sexamos de utilidade dende o departamento de Emprego”, sinalou o alcalde. Precisou que o evento estará aberto tanto aos socios da ACE como a calquera outra persoa interesada nunha información que “agardemos que sexa de utilidade tanto para empresas consolidadas como para outras que se queiran consolidar aquí na Estrada”. Polígono Neste contexto, o mandatario estradense quixo aproveitar hoxe para lembrar que está aberto o prazo para rexistrar a demanda de solo industrial na ampliación do polígono empresarial de Toedo, tanto para industriais estradenses como para outros que queiran f ixar na Estrada a súa actividade. Incidiu no interese de que esta demanda quede rexistrada no que resta deste 2025 para que “queden as demandas e necesidades claras para facer o proxecto de urbanización”. Amosouse aberto a que estes demandantes de solo industrial na fase de ampliación poidan contactar co Concello de cara a manter unha reunión de traballo coa consellería para abordar estes asentamentos.





































