Os impostos directos supoñen o ingreso de 5 millóns de euros, con outros
10 millóns en transferencias correntes, a través da participación nos
tributos do Estado (6,8) e da comunidade autónoma (1,4 millóns).
O gasto en programas de Servizos Sociais volve elevarse e supera xa a
previsión de 4,2 millóns.
A prestación dos servizos públicos básicos supón 6.676.078 euros, con
case dous millóns en seguridade pública, máis de 1,5 en recollida e
tratamento de residuos ou un millón en iluminación, entre outras
partidas.
Os investimentos reais medran e superan o millón de euros, con partidas
para actuar na nova zona verde da Carballeira de Melania, o centro de
saúde de Oca, pavillóns de tres colexios ou rede viaria.
O concelleiro de Economía e Facenda, Alberto
Blanco, ofreceu hoxe un avance pormenorizado do anteproxecto de orzamentos
municipais para 2026, unhas contas que o goberno que encabeza Gonzalo Louzao
pretende aprobar en pleno no mes de decembro e que medran de xeito significativo con
respecto á presente anualidade. Concretamente, Blanco Carracedo sinalou que o
orzamento da Estrada para o vindeiro exercicio económico ascenderá a 19.456.000
euros, preto de 1,7 millóns por encima do inicialmente previsto para 2025 (17.782.900
euros).
No capítulo de ingresos, os impostos directos aportan a estas contas 5.028.000 euros.
Deste montante, 3,5 millóns correspóndese co Imposto de Bens Inmobles (IBI) de
natureza urbana, con outros 76.000 euros que se prevén ingresar polo IBI de rústica. O
IBI de características especiais en 2026 estímase en 112.000 euros.
Por impostos indirectos, nomeadamente a través do Imposto de Construcións,
Instalacións e Obras (ICIO), as arcas estradenses ingresarán 600.000 euros,
correspondéndolle 2.885.438 euros polo cobro de taxas e prezos públicos. Deste xeito, o
Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica reportará un millón de euros, con 230.000
previstos polo Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
O capítulo de transferencias correntes supón 10.089.173 euros. Os ingresos derivados
da participación en tributos do Estado suporá 6.804.500 euros no vindeiro exercicio,
namentres que a participación nos ingresos da comunidade autónoma suma outros
1.477.000 euros.
Gastos
Entrando na análise dos gastos, o capítulo de persoal cífrase en 7.296.188 euros,
mentres que os gastos correntes en bens e servizos ascenden a 9.151.398.
A prestación e mantemento dos servizos públicos básicos requiren para o Concello da
Estrada un gasto de 6.676.078 euros. Deste montante, preto de dous millóns de euros
(máis de 1.853.000 euros) están destinados a seguridade e orde pública, tanto a través
do servizo da Policía Local (963.322), como do de Protección Civil (385.535) e o de
prevención e extinción de incendios (504.158).
O detalle dos orzamentos recolle tamén partidas que fan falta para cubrir a prestación
de servizos tan básicos como o abastecemento domiciliario de auga potable (384.036
euros); a recollida de residuos (899.132) ou o tratamento destes últimos (outros
600.000 euros). Para iluminación pública resérvanse 1.064.426 euros en 2026.
Outra parte importante do orzamento vai dirixida ás actuacións de protección e
promoción social ou, o que ben sendo o mesmo, aos programas de Servizos Sociais. Este
gasto volve medrar de cara ao vindeiro ano, situándose xa en 4.280.044 euros. Neste
eido, a base do servizo social supón 3.572.448 euros, aos que hai que sumar os
programas para determinados sectores poboacionais (416.936), a actividade vencellada
ao Centro de Información á Muller (CIM) (63.588 euros) ou a prevención de
drogodependencias (49.894 euros), entre outros. Para programas vencellados ao
fomento do emprego resérvanse 177.110 euros.
Novo incremento para o SAF
“O equipo de goberno vén facendo, ano tras ano, unha aposta decidida polo incremento
das actuacións en protección e promoción social, con especial incidencia na atención a
persoas maiores e cidadáns en situación de vulnerabilidade”, apuntou hoxe Alberto
Blanco. Nesta liña, o concelleiro de Economía e Facenda sinalou o incremento que volve
experimentar a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que superará os
1,7 millóns de euros, fronte aos 400.000 que tiña no ano 2011.
As contas municipais para 2026 reservan tamén distintos capítulos de gasto en bens
públicos de carácter preferente, cun total de 3.307.103 euros. Así, en materia de
Educación figuran 1.347.371 euros en conxunto para o funcionamento de centros
docentes de educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como para entidades
formativas como Conservatorio e a Escola de Música.
Para os programas de Cultura contémplase unha partida de 737.084 e outros 638.202
para Deportes.
Para actuacións de carácter económico o proxecto de orzamentos reserva 1.153.006
euros, con 828.878 para a administración xeral de infraestruturas; preto de 91.000 para
comercio; 90.000 para desenvolvemento empresarial ou os máis de 58.000 para
información e promoción turística, entre outras.
Investimentos reais
No marco dun orzamento que medra un 8,6% con respecto ao anterior, os
investimentos reais que programa acometer o executivo estradense tamén se ven
sensiblemente incrementados. As contas recollen máis dun millón de euros neste
capítulo. Entre as previsións figuran partidas para mantementos de vías públicas, obras
na nova zona verde da Carballeira de Melania (200.000 euros); acometidas de auga no
desdobre da traída do Umia (121.000); melloras no centro de saúde de Oca (77.500);
obras nos pavillóns dos colexios de Oca, Codeseda de Pérez Viondi (75.000) ou novos
alumeados (75.000), entre outras.
Fondos europeos, á marxe
O orzamento municipal para 2026 medra sen incluír os fondos que a administración
municipal terá que incorporar para cubrir a parte correspondente ao plan EDIL, o novo
programa de fondos europeos. Serán máis de 4 millóns de euros (o investimento total
será de 10) que o Concello da Estrada manexará recorrendo a unha operación de crédito
para non tensionar a estabilidade orzamentaria.
“O que se pretende con estes orzamentos é cumprir cos servizos públicos, que sexan
sostibles, e investir no apartado social, que para o goberno é prioritario. A isto
engadimos investimentos que faciliten e melloren a vida dos estradenses”, resumiu
Alberto Blanco.







































