O CONCELLO ELABORARÁ O PROXECTO PARA AMPLIAR A EDAR, CON20 ANOS DE ANTIGÜIDADE E AO LÍMITE DA SÚA CAPACIDADE

 O alcalde apunta que se encargará o deseño a unha enxeñería para a
súa posterior remisión a Augas de Galicia.
 Na reunión coa conselleira de Medio Ambiente, os representantes de
Xunta e Concello abordan un convenio de colaboración para financiar a
ampliación e renovación da estación inaugurada en 2005.
 Ademais do crecemento da poboación urbana, a planta de Aguións terá
agora que asumir os efluentes procedentes da ampliación do polígono de
Toedo.

Despois da reunión mantida na tarde do xoves coa
conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles, Vázquez, o alcalde da Estrada,
Gonzalo Louzao, informou hoxe de que o Concello asumirá a elaboración do proxecto para a
ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) emprazada en Aguións, un
equipamento que ten xa 20 anos de antigüidade e que se atopa ao límite da súa capacidade.
O rexedor tivo ocasión de trasladarlle á conselleira que a EDAR estradense está
infradimensionada, non só tendo en conta a poboación urbana actual senón tamén o feito
de que esta depuradora terá que asumir os efluentes procedentes da zona de ampliación do
polígono industrial de Toedo.
“Dada a previsión de incremento do casco urbano e tamén do propio polígono, a EDAR está
infradimensionada e temos que planificar a súa ampliación pensando en mellorar o servizo”,
sintetizou Louzao Dono, que asumiu que este traballo da estación case ao límite da súa
capacidade é unha problemática que se vén arrastrando dende hai anos e que require una
pronta solución.
O mandatario explicou que, no marco deste encontro con Ángeles Vázquez, a conselleira foi
moi receptiva á petición e resolveuse que, logo de que o Concello asuma a redacción do
proxecto a través dunha enxeñería especializada, este será remitido a Augas de Galicia para
avaliación. Gonzalo Louzao sinalou tamén que será o propio proxecto o que axude a poñer
unha cifra ao investimento necesario para ampliar a capacidade da depuradora da Estrada e
para renovar tecnoloxicamente unhas instalacións que foron inauguradas no ano 2005.

Alcalde e conselleira acordaron afrontar a ampliación da EDAR de Aguións no marco dun
convenio de colaboración entre Xunta e Concello, correspondendo a licitación das obras á
administración galega.
Esta cooperación enmárcase no apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos
concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de saneamento e
abastecemento dun xeito máis eficiente, redundando na calidade do servizo que se presta á
veciñanza. Dende a Consellería de Medio Ambiente precisouse que este apoio de Augas de
Galicia para garantir a prestación dos servizos hidráulicos municipais traducirase nos 12,6
millóns de euros recollidos nos orzamentos de 2026 e repartidos en distintas liñas de
axudas, principalmente dirixidas a entidades locais.
Á reunión coa titular de Medio Ambiente, na que se abordaron outras necesidades e
proxectos, o alcalde estradense acudiu con documentación na que se evidencia que a EDAR
de Aguións leva xa uns anos “ao límite”, xa que foi concibida para uns 10.000 habitantes.
Como queda avanzado, no futuro máis inmediato non só hai que contemplar o feito de que a
poboación urbana xa estea rozando estas cifras, senón a carga que para este equipo suporá
a chegada das augas procedentes da nova fase do principal parque empresarial do Concello
da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.