A CIRCULACIÓN QUEDA RESTABLECIDA NAS RÚAS SAN PAIO E 56DENDE ESTA TARDE, CON TRÁNSITO RODADO ATA O 12 DE XANEIRO

 Tal e como se anunciou dende o comezo das obras, este céntrico enclave
quedará aberto para non entorpecer a campaña comercial de Nadal nin
a celebración de eventos clave no transcurso destas festas.
 As celebracións suporán tamén un paro temporal nos traballos polo
período vacacional dos operarios.
 A reforma retomarase o luns 12 de xaneiro e, segundo avance, irá
ocasionando novos cambios na circulación, dos que se informará
puntualmente.

Tal e como anunciou dende o minuto un o goberno
local, as obras na Praza de Galicia e a súa contorna despexarán dende hoxe mesmo esta
céntrica zona do casco urbano para a celebración das festas de Nadal. Deste xeito, a Rúa 56 e
a Rúa San Paio quedarán esta tarde abertas novamente ao tráfico, cos sentidos circulatorios
habituais en ámbalas dúas vías.
Dende o inicio do traballos, o pasado mes de outubro, o goberno que encabeza Gonzalo
Louzao sempre puxo o acento no desexo de deixar para despois das festas a actuación na
Praza de Galicia propiamente dita, ao obxecto de non entorpecer a principal campaña
comercial do ano e de garantir que as obras non supoñan un atranco para o
desenvolvemento de eventos tan significativos para o conxunto da cidadanía como as
tradicionais cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis (5 de xaneiro), para as que
o paso por esta praza resulta estratéxico.
Sen querer entrar en ningún momento nas informacións e valoracións erradas e
tendenciosas que se verteron nos últimos días, o executivo limitouse hoxe a realizar o
anuncio de reapertura da circulación, logo de cumprirse o prazo aproximado de dúas
semanas de peche anunciado para a Rúa 56, a última en veren interrompida o tránsito
rodado.
Dende esta tarde, a nova situación manterase durante todas as festas, momento no que
as obras quedarán tamén momentaneamente paradas polo descanso vacacional dos
operarios. A previsión é que os traballos se retomen o 12 de xaneiro. A partires desa
data, o avance na execución irá motivando cambios circulatorios dos que se irá
informando puntualmente.
Dende a Xefatura da Policía Local da Estrada confirmouse esta mañá que o
restablecemento do tráfico nas Rúas 56 e San Paio acomodarase ao sentido circulatorio
habitual nestas rúas, podendo subir pola Rúa 56 cara a Praza de Galicia e tamén acceder
á Rúa San Paio para continuar cara Figueiroa. Tamén se poderá circular cara a Rúa do
Cruceiro dende a Praza de Galicia.
De igual xeito, dende a Avenida Benito Vigo volverá ser posible enlazar coa Praza de
Galicia a través da Rúa Pérez Viondi, continuando cara San Paio ou Rúa Peregrina.
Continúa o corte en Marqués de la Vega de Armijo
A que continuará cortada é a Rúa Marqués de la Vega de Armijo, permitíndose o acceso
aos garaxes desta vía dende a Praza da Inmaculada (e sentido contrario ao permitido
habitualmente).
Evidentemente, polo primeiro tramo da Rúa Don Nicolás non se poderá circular, unha
cuestión que se manterá no tempo, tendo en conta que esta vía pasará a ser peonil.
Na confluencia entre as rúas 56 e San Paio quedará unha zona de acopio do material de
obra, xusto no illote no que antes estaba instalada a escultura dedicada á Rapa das
Bestas.
Transporte público
Por outra banda, a apertura ao tráfico desta zona tamén comporta novos cambios para o
transporte público dende esta mesma tarde. Deste xeito, a parada de taxis volverá ao
seu lugar habitual na Praza de Galicia (a carón do Hostal A Bombilla) e o servizo de
autobús volverá subir pola Rúa 56 para a parada de viaxeiros na praza que os
estradenses bautizan oficiosamente como A Farola.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.