Os traballos, enmarcados no Plan de actuacións arqueolóxicas, están destinados a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade
Os interesados en coñecer os resultados poderán participar na visita guiada que se organiza este sábado, ás 10.30 horas, en colaboración co Concello da Estrada
Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no castro de Barburde ou Trasmonte, no concello da Estrada, acaban de sacar á luz restos dunha muralla de época castrexa. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e na que puido coñecer o avance desta actuación.
Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Patrimonio Cultural, a estrutura localizada, aínda en proceso de estudo, correspóndese cunha fortificación defensiva na que se inclúe tanto a construción exterior como un segundo elemento circular que, segundo os primeiros indicios, podería corresponderse á época castrexa. “Trátase dun importante achado que nos axuda a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da nosa Comunidade e que se complementa coa localización de material composto por cerámica da Idade de Ferro”, apuntou López Campos.
Neste senso, o conselleiro de Cultura precisou que a actuación levada a cabo na Estrada cunha achega de 17.700€ encádrase no Plan de actuacións arqueolóxicas, a folla de ruta posta en marcha polo Goberno galego cun investimento de 1,5M€ para, en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, garantir a conservación dos xacementos ao tempo que se favorece o achegamento a historia por parte da cidadanía.
No caso concreto de Barbude, os traballos están centrados na limpeza dos perfís de acceso á zona máis alta do castro, así como na realización de dúas sondaxes arqueolóxicas para avaliar unha das parcelas e no camiño de acceso. Ademais, o proxecto complétase coa elaboración de materiais divulgativos entre os que se inclúe un vídeo e unha reportaxe de fotografía área.
Ademais, co fin de que a cidadanía poida coñecer os resultados desta actuación, o sábado, en colaboración co Concello da Estrada, organizarase unha visita guiada ás 10,30 horas. Trátase dunha actividade de balde e os interesados poderán reservar praza a través do Concello, ben presencialmente ou ben no número de teléfono 986 573 601.











































