O CONCELLO PAVIMENTARÁ EN PEDRA O SEGUNDO TRAMO DACÉNTRICA RÚA DON NICOLÁS, ATA CHEGAR Á PRAZA DA INMACULADA

 Daralle a mesma estética aplicada ao tramo que conflúe con Marqués de
la Vega de Armijo, que tamén loce xa empedrada.
 A única diferenza é que esta segunda parte será transitable, mentres que
a primeira pasou a ser peonil con esta reforma.
 As obras na Praza de Galicia continúan avanzando a bo ritmo e hoxe
quedará completado o fresado de toda a contorna.

Coas obras de reforma e peonalización da Praza da
Galicia e a súa contorna avanzando a bo ritmo, o alcalde da Estrada confirmou hoxe a
decisión de empedrar na súa totalidade a Rúa Don Nicolás, completando así a
intervención realizada no seu primeiro tramo, ata a confluencia coa Rúa Marqués de la
Vega de Armijo.
Deste xeito, a rúa ampliará o seu empedrado actual ata chegar á Praza da Inmaculada, de
xeito que toda a vía quede configurada coa mesma estética, idéntica á tamén aplicada en
Marqués de la Vega de Armijo, de xeito que toda a contorna lucirá en pedra.
A diferenza estará no tránsito: mentres o primeiro tramo será completamente peonil, a
parte da Rúa Don Nicolás na que agora se traballará estará aberta á circulación,
recollendo o fluxo de vehículos procedentes de Marqués de la Vega de Armijo que
avancen cara a praza que preside a igrexa parroquial de San Paio para continuar pola Rúa
San Antón.
Por outro lado, o alcalde referiuse ás obras que se están realizando logo de teren
pechado ao tráfico a Praza de Galicia días atrás. O rexedor sinalou que, tal e como se
avanzara, as obras de fresado de toda a contorna quedarán rematadas hoxe e será
momento comezar co soterramento dos servizos (pluviais, novas conexións eléctricas ou
regos da zonas verdes) para logo aplicar a toda a superficie un formigón de limpeza.
En todo caso, a Rúa Irmáns Valladares continuará funcionando como alternativa para os
vehículos que, dende a Avenida Benito Vigo, soben por Pérez Viondi dirección Avenida
de América. Esta foi a medida que se adoptou dende este mesmo martes, buscando que
o peche da Praza de Galicia ao tráfico xerase as menores molestias posibles.

O Concello mantén a intención de reabrir a Praza de Galicia ao tránsito para o Entroido,
de xeito que este espazo poidan empregarse con normalidade durante os desfiles do
luns 16 e martes 17 de febreiro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.