A RENOVACIÓN DE DOUS DESFIBRILADORES REFORZA A APOSTA POLACARDIOPROTECCIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DA ESTRADA

 O Concello destina preto de 3.000 euros ás unidades do Novo Municipal
e do campo de Callobre, os equipos de maior antigüidade.
 O Mapa Desa Galicia, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061,
reflicte 13 das 17 unidades existentes en espazos concorridos de uso
público neste municipio.

O departamento municipal de Deportes vén de
adquirir dúas novas unidades de Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA), ao
obxecto de substituír aos equipos existentes no Novo Municipal de fútbol e no campo de
Callobre, cuxa antigüidade aconsellou afrontar unha renovación.
A concellaría que dirixe Ismael Pena vén dando mostras dunha aposta decidida por
manter cardioprotexidas as instalacións deportivas municipais. Cada un destes equipos
supón un investimento próximo aos 1.500 euros e incorpora o xogos de parches para
adultos e pediátricos, elementos aos que é preciso facerlle un seguimento continuo
porque presentan data de caducidade.
A Estrada Deporte colocou, meses atrás, cinco destes dispositivos de xeito estratéxico. A
unidade do Pavillón Coto Ferreiro cubriría as devanditas instalacións, as piscinas
municipais e o pavillón número 3 da Fundación de Exposicións, onde se realizan clases
de loita e artes marciais. O DESA do Manuel Regueiro cubriría este campo de fútbol, as
pistas de tenis e o centro A Estrada Pádel. O novo campo de fútbol ten tamén o seu
propio equipo (agora renovado), que se empregaría igualmente, se fose preciso, nas
pistas de atletismo. Os campos de Vea e Callobre posúen cadanseu desfibrilador
semiautomático.
Os puntos de instalación deste equipamento pode observarse, na súa práctica
totalidade, no Mapa DESA Galicia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061. No
caso do Concello da Estrada figuran rexistrados xa 13 equipos, se ben as últimas
incorporacións realizadas pola administración municipal elevarían esta cifra a 17.
No caso das instalacións deportivas, falta por engadir a correspondente ao Campo da
Nogueira en Vea, aínda que está xa rexistrada. O Concello adquiriu tamén equipos que

foron instalados na Casa das Letras, así como unidades portátiles para vehículos da
Policía Local e de Emerxencias A Estrada.
No referido mapa, que pode ser consultado por calquera usuario para saber, no
momento no que fora preciso, cal sería o DESA máis próximo, figuran tamén dúas
unidades vencelladas a empresa privada, outras na Academia Galega de Seguridade
Pública (Agasp), piscina climatizada, Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)
112 Galicia, na Enfermería da residencia de maiores da Praza do Mercado, no CEIP
Figueiroa, na Tesourería Xeral da Seguridade Social ou no Recreo Cultural da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.