Dende este mércores, cada día de feira haberá un posto informativo ao
que poderán achegarse os interesados para retirala.
A expansión dos contedores irase programando en función das zonas
nas que se soliciten estas tarxetas.
A incorporación ás illas de colectores de lixo será paulatina, ata
completar as 60 unidades dispoñibles.
Nestes momentos están activos 10 puntos de depósito, a carón de grandes
produtores de orgánica.
O colector marrón, a quinta fracción, que ten como
fin exclusivo o depósito de residuos orgánicos, chegou ao Concello da Estrada a
mediados de decembro. Instalado xa nunha decena de puntos do casco urbano, todos
eles próximos a grandes produtores, este novo depósito irá incrementando a súa
presenza nas rúas estradenses da man da entrega á veciñanza das tarxetas que se
precisan para a súa apertura. Cómpre lembrar que estes contedores, a diferenza dos
outros, teñen a particularidade de estar pechados, coa finalidade de concienciar aos
usuarios da separación de residuos orgánicos.
O Concello ten prevista a colocación dun total de 60 contedores marróns nas illas
distribuídas por todo o casco urbano. Porén, a idea non é colocar todas unidades á vez,
senón ilas incorporando paulatinamente, da man da entrega das tarxetas de usuario.
“Queremos ser máis sostibles e iso só será posible coa implicación de toda a cidadanía,
por iso facemos unha nova chamada á participación das familias neste proxecto”,
apuntou hoxe o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán.
Con este obxectivo, dende este mércores retomaranse, con maior intensidade, as
campañas informativas sobre o uso do contedor marrón na Estrada. Coincidindo coas
dúas feiras semanais, os mércores e os sábados os cidadáns poderán atopar un stand
informativo xunto a Sala Abanca (os mércores) e na Praza do Mercado (os sábados), en
horario de 10.30h a 13.30 horas. As familias do municipio estradense interesadas en
coñecer máis de preto o funcionamento do quinto colector e que queiran participar no
proxecto poderán achegarse para rexistrarse e recoller a súa tarxeta de apertura do
colector.
Porta a porta
En paralelo, Durán sinalou que tamén se vai a levar a cabo unha campaña de visitas
informativas porta a porta a establecementos de grandes produtores de orgánica para
informar á hostalería e comercio e facer entrega da tarxeta de apertura a aqueles que
decidan sumarse ao “voluntariado marrón” e que non estean xa facendo uso dos
colectores instalados.
Ata o de agora, A Estrada seleccionou 10 primeiros emprazamentos para estes
colectores. Están localizados na Avenida de Pontevedra (no entorno do supermercado
Familia), Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos Invictus e
Inferno), Avenida de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz), Avenida Benito Vigo (á
altura do número 24, próximo ao restaurante Gran Vía e Mesón da Estrada), Avenida de
Vigo (parte posterior do supermercado Froiz), Rúa Iryda (fronte supermercado Familia),
Praza de Abastos, Rúa Gradín (xunto Restaurante Samaná), Rúa Leicures (ao inicio, no
entorno de restaurante Manxares e outros establecementos da contorna), Rúa 56
(Hostal A Bombilla).
Residuos que van ao marrón
En canto aos residuos que deben ir no colector marrón, cómpre lembrar que se reserva
para os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos,
restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas… En definitiva,
calquera resto orgánico.
Pola contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros,
compresas, bastóns de algodón para a hixiene dos oídos, plásticos e outro tipo de
residuos non orgánicos.
Compostaxe doméstica
En paralelo a expansión do quinto colector nas rúas da Estrada, o Concello tamén puxo
en marcha unha campaña de compostaxe doméstica, iniciando a distribución de 500
composteiros en viviendas unifamiliares, xunto cun kit de compostaxe que consta dun
aireador, un cubo pechado para a recollida e o transporte de residuos orgánicos, unha
rede antirroedores e un manual impreso sobre compostaxe doméstica. A eles
sumaranse neste 2026 un cento de novas unidades
O composteiro que se entrega ten capacidade para 400 litros, debe situarse no exterior
da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas,
preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para
facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Aqueles veciños que estean interesados en dispoñer dun dos equipos e aínda non o
teñan, poden solicitalo e incorporarse, no caso de que as unidades estean esgotadas no
momento da súa petición, á lista de agarda para recibir un dos novos composteiros.
Poden facelo chamando ao teléfono do Concello 986 570 030 [extensión 6: Alcaldía] ou
ben directamente a través da solicitude online. Tamén poden achegarse á acción
informativa para solicitar máis información e tramitar in situ a súa solicitude de
composteiro para a súa horta ou parcela.







































