O xurado adopta a resolución por uninimidade e a instancias da
Asociación Fillos e Amigos da Estrada.
O galardón busca recoñecer o impulso destas tres irmáns a un negocio
familiar que se converteu en referente indiscutible da hostalería local: A
Bombilla.
O premio coincide nun ano no que o establecemento pecha un ciclo, ao
cerrar o restaurante e continuar unicamente como hostal.
Entregarase o domingo 8 de marzo, ás 19.00 horas, no MOME.
O xurado encargado de fallar o Premio Honorífico ao
Labor das Mulleres da Estrada neste 2026 reuniuse na noite do martes para abordar as
candidaturas presentadas. Logo da análise e do debate, adoptouse a decisión unánime
de conceder este ano o galardón ás irmás Pilar, Ana e Marga Porto Carballo, hostaleiras
estradenses que durante décadas estiveron á fronte do negocio familiar A Bombilla, un
referente local localizado no número 5 da Praza de Galicia.
A candidatura chegou da man da Asociación Fillos e Amigos da Estrada, co propósito de
que se recoñeza a longa traxectoria destas irmáns e do restaurante aberto nos anos 40
polos tíos destas tres estradenses (Erundina Campos e Suso Porto) e que logo herdarían
seus pais, Julio Porto e Lola Carballo. Aquela taberna habería de converterse, xa na
década dos 60, no Hostal A Bombilla.
As tres irmáns continuaron co negocio familiar, sendo Pilar a primeira en incorporarse ao
mesmo. Ao longo das últimas décadas fixeron del un referente indiscutible na hostalería
local, atraendo á clientela pola súa comida caseira e por seren especialistas nalgúns dos
pratos máis representativos da gastronomía estradense, como é o caso do salmón. O seu
saber facer logrou unha carteira de clientes habituais e tamén garantiu seren unha
recomendación habitual para os visitantes.
O recoñecemento a Pilar, Ana e Marga Porto Carballo co Premio Honorífico ao Labor da
Muller chega tamén nun ano de cambio neste negocio estradense, xa que A Bombilla
pecha as súas portas como restaurante e continúa unicamente como hostal.
O xurado reunido da noite do martes estivo conformado polas concelleiras de Servizos
Sociais e Cultura, Amalia Goldar e Lucía Seoane, representantes dos grupos municipais
do PSOE e de Móvete, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marga de la
Calle, e tamén integrantes da Asociación Cultural O Brado, Asociación de Empresarios do
Polígono de Toedo, Asociación de Igualdade e Mulleres da Estrada e o sindicato UGT.
Todos os integrantes coincidiron en destacar o papel destas tres estradenses para sacar
adiante un negocio nun ámbito profesional como a hostalería, no que a conciliación da
vida laboral e familiar resulta, en moitas ocasións, especialmente complexa polos
horarios que lle son propios. Ademais de louvar a longa traxectoria destas tres mulleres,
recoñeceron os seus esforzos para facer de A Bombilla todo un referente no seu sector,
apreciado por veciños e foráneos.
Un exemplo
“Este premio ten un carácter simbólico, pero coido que vai gañando peso como un
recoñecemento público ao que nos gusta poñer nome de muller, identificando nos seus
rostros os esforzos doutras moitas veciñas que tamén merecen un premio por facernos
avanzar a todos como sociedade”, sinalou a concelleira Amalia Goldar, quen se puxo en
contacto coas premiadas unha vez acadada a resolución do xurado. “Pili, Ana e Marga
son un referente para A Estrada, e non só gastronómico ou hostaleiro. O seu é un
exemplo de tesón, de empuxe e de perseveranza”, engadiu.
O Premio Honorífico ao Labor das Mulleres da Estrada entregarase nun acto público
convocado o propio domingo 8 de marzo, Día da Muller, no MOME. Será ás 19.00 horas,
nun acto que estará conducido pola xornalista estradense Laura Filloy Martínez.
Nómina de premiadas
A deste 2026 é a décimo cuarta edición do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres que
convoca o Concello da Estrada. As tres irmáns premiadas sumarán os seus nomes aos de
Mari Carmen Zamar, María Martínez Otero, Gandeiras de Vea, a cooperativa Axuda
Servizos, Sofía Mosteiro, as irmáns Torres, Asociación de Consumidores e Mulleres da
Estrada, Francisca Andújar Tato, Delia Bustelo, Xosefa María Matalobos, Dolores Casis
Rey, Aurora Loureiro Baluja e Rosa Ferreira.





































