RÉCORD DE INSCRITOS NA FESTA DO MAIOR DA ESTRADA, QUEESGOTA O MILLEIRO DE PRAZAS DISPOÑIBLES PARA ESTA EDICIÓN

 A do domingo será a Festa do Maior máis concorrida, non só dos últimos
anos, senón de todas as convocatorias que o Concello da Estrada vén
facendo para honrar aos veciños e veciñas de maior idade.

O Concello da Estrada pechou a última hora desta
mañá a inscrición para asistir na presente edición da Festa do Maior, que se celebrará
este domingo no Pavillón Coto Ferreiro e Anexo. Fíxoo batendo todo un récord de
participación, xa que quedou esgotado o milleiro de prazas dispoñibles para un evento
que pretende converterse en xornada de confraternidade e homenaxe para os
estradenses maiores de 65 anos.
A xulgar pola inscrición, esta será a Festa do Maior máis concorrida, non só dos últimos
anos senón de todas as convocatorias que o Concello da Estrada vén facendo para
honrar aos veciños de maior idade. Cómpre lembrar que o evento está dirixido a persoas
empadroadas no Concello da Estrada con 65 ou máis anos.
Dende o goberno local, a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, agradeceu hoxe
a confianza depositada polos maiores e trasladou o desexo de que a domingo sexa unha
xornada que cumpra todas as súas expectativas. Sinalou que esta sempre é unha
celebración que se prepara coa ilusión de ofrecer aos maiores un día de festa e
convivencia.
Cómpre lembrar que, despois de que na edición de 2025 esta xornada de homenaxe aos
maiores da Estrada quedara deslucida polo deficiente cumprimento do contrato por
parte da adxudicataria, o goberno estradense asesorouse con profesionais do sector e
incorporou este ano aos pregos da contratación as cantidades mínimas por comensal
que se teñen que servir. A empresa que se encargará de servir o almorzo será a
estradense Valenciaga Catering.
As portas abriranse o domingo ás 12.30 horas. Os maiores serán recibidos cunha
actuación musical a cargo de Tequexetéldere, arrancando o almorzo ás 14.00 horas. O
menú estará composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro con patacas e
sobremesa, incluíndo o pan, bebidas (viño tinto e branco, cervexa, refrescos, auga,
gaseosa, café e licor). A sobremesa e o baile contará coa orquestra Los Satélites.

Neste senso, despois de teren recibido nestes días varias consultas o respecto, dende o
Concello informouse hoxe de que todas aquelas persoas interesadas en sumarse ao baile
de despois do almorzo están convidadas a facelo.
Como é habitual, durante a sobremesa haberá recoñecementos aos veciños de maior
idade.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.