Busca favorecer a conciliación laboral e familiar durante a tempada
estival e está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos.
Os participantes poderán solicitar quendas ou quincenas en xullo e
agosto, pechándose o prazo o 31 de maio.
Custará 40 euros por quincena, con bonificacións para familias
monoparentais e numerosas ou para aquelas nas que haxa varios
irmáns matriculados.
As solicitudes que incumpran o prazo, por anticipación ou atraso,
quedarán fóra.
Este campamento está dirixido especificamente a empadroados no
Concello da Estrada.
O Departamento de Deportes do Concello da Estrada
abrirá o luns o Campus Deportivo de Verán, unha actividade que buscará favorecer a
conciliación de vida laboral e familiar dos estradenses durante os meses de xullo e
agosto. O responsable desta área municipal, Ismael Pena, presentou a 17ª edición do
programa, que está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos (nos dous casos
cumpridos a 1 de xullo de 2026). Compre sinalar tamén que este campamento está
especificamente dirixido a empadroados no Concello da Estrada.
Como vén sendo habitual, a inscrición realizarase por quincenas, cun prezo de 40 euros
por participante e quincena. O Concello reserva bonificacións sobre esta tarifa. Deste
xeito, as familias monoparentais terán un desconto do 20% sobre o prezo (pagarán 32),
ao igual que as familias numerosas, que terán un desconto do 20% en cada membro.
Ademais, as familias con dous irmáns matriculados no Campus Deportivo de Verán terán
unha redución do prezo orixinal do 10% para cada membro (pagarán 36 euros cada un).
Os participantes poderán solicitar as quendas/quincenas que consideren necesarias ata
un máximo de 4, cubrindo na folla de inscrición a orde de prioridade. Poderán entrar
nas quendas non preferenciais sempre e cando existan prazas vacantes.
Todas as actividades do Campus Deportivo están especialmente dirixidas ás idades e
desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven
tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero,
integración, hixiene e respecto ás normas en base as idades e características individuais
dos inscritos.
Deste xeito, o programa deportivo que fiará esta convocatoria está orientado a crear
hábitos saudables e activos, priorizando as actividades ao aire libre. Os horarios e a
programación de cada quenda faranse en función das idades. En xeral, a oferta do
Campus inclúe fútbol, baloncesto, atletismo, bádminton, actividades acuáticas, tenis,
atletismo e xogos predeportivos de iniciación para os máis pequenos. A maiores
realizarase unha excursión en cada mes ao parque acuático de Cerceda, nunha data por
determinar.
As quendas deste ano serán as seguintes:
• 1ª QUENDA: do mércores 1 de xullo ao mércores 15 de xullo.
• 2ª QUENDA: do xoves 16 de xullo ao venres 31.
• 3ª QUENDA: do luns 3 de agosto ao venres 14.
• 4ª QUENDA: do luns 17 de agosto ao luns 31.
As solicitudes de inscrición deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede
electrónica do Concello da Estrada (https://aestrada.sedeelectronica.gal) ou, en casos
excepcionais, no Rexistro Xeral do Concello da Estrada, en horario de 9.00 a 14.00 horas
de luns a venres. O prazo de inscrición arranca o luns 18 de maio e irá ata o domingo 31
deste mesmo mes. As solicitudes que incumpran o prazo, por anticipación ou atraso,
quedarán automaticamente fóra.
Unha vez confirmada pola organización a participación do neno/a, deberase realizar o
pagamento, de maneira presencial na oficina do Banco Sabadell ou de xeito telemático,
para achegar despois ou enviar o xustificante de pago ao departamento de Deportes (no
4º andar do Concello ou entregarllo o primeiro día da actividade entregarllo ao monitor).
Este é o número de conta para o pago (BANCO SABADELL): ES78 0081 2208
230001012603
No tocante á documentación que é preciso presentar: ficha de inscrición coa foto do
neno/a; DNI do menor; DNI do nai, pai ou titor, tarxeta sanitaria do menor, libro de
familia ou documento que acredite a situación de familia numerosa ou monoparental e
certificado médico no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións.





































