A Xunta prevé desenvolver case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030

A Xunta de Galicia impulsará preto de 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial en toda a comunidade ata o ano 2030, cun investimento previsto superior aos 440 millóns de euros. O obxectivo é ampliar a oferta de chan empresarial, favorecer a implantación de novas empresas e reforzar a capacidade de Galicia para atraer proxectos industriais estratéxicos.

Segundo o informe analizado no Consello da Xunta, a nova planificación contempla unha trintena de actuacións en distintos puntos de Galicia e aposta por unha política de solo empresarial máis dinámica, orientada á creación de actividade económica real e á xeración de emprego.

Unha nova estratexia para o desenvolvemento industrial

A Consellería de Economía e Industria considera o solo empresarial unha “infraestrutura estratéxica” para o desenvolvemento económico de Galicia. A nova estratexia prioriza as zonas con demanda real, potencial de crecemento e capacidade para acoller proxectos tractores vinculados á política industrial galega.

Na actualidade, Galicia conta con máis de 4.000 parcelas públicas de solo industrial, aínda que só arredor de 350 están dispoñibles. Por este motivo, a Xunta aposta tanto pola creación de novo solo como pola dinamización da comercialización das parcelas xa existentes.

Actuacións previstas nas catro provincias

Do total previsto a provincia da Coruña contará con 4,2 millóns de metros cadrados e un investimento estimado de 111,6 millóns de euros. En Lugo desenvolveranse 1,6 millóns de metros cadrados cun investimento de 68 millóns.
Pola súa banda, Ourense sumará máis de 2,7 millóns de metros cadrados cun orzamento de 126,1 millóns.
No caso de Pontevedra, contará con arredor de 3,2 millóns de metros cadrados e 138,6 millóns de investimento.

Ao longo deste ano prevese a posta á disposición de novo solo industrial nos parques empresariais de Morás (Arteixo), As Gándaras (Lugo) e Xinzo de Limia.

Ademais, entre 2026 e 2029 está previsto o inicio de novas actuacións en ámbitos como Lalín, San Cibrao das Viñas, Carballo, A Estrada, Palas de Rei, Xove, Pereiro de Aguiar ou Poio-Fragamoreira, entre outros.

Novas fórmulas para facilitar o acceso ao solo empresarial

Dentro desta nova política industrial, a Xunta tamén introduciu cambios nos sistemas de comercialización do solo empresarial. O pasado mes de abril púxose á disposición das empresas un total de 357 parcelas, que suman preto de 790.000 metros cadrados distribuídos polas catro provincias.

A convocatoria inclúe bonificacións de entre o 30 % e o 50 % no prezo das parcelas e establece novas modalidades como a “oferta pública permanente”, que permitirá manter dispoñibles durante todo o ano as parcelas que non se vendan inicialmente.

Outra das novidades é a posibilidade de adxudicación directa en determinados casos vinculados a proxectos industriais estratéxicos ou necesidades de ampliación empresarial.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.