Abre mañá venres unha mostra con catro pezas, unha por cada grupo
deste centro, que xiran ao redor do universo de Castelao e da figura da
súa muller estradense.
Leva por título “A muller que debuxou a Castelao” e servirá de broche
para o curso 2025-2026.
O alumnado empregará técnicas como a da máscara ou a da luz negra.
A Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) dedicará
o seu final de curso 2025-2026 a homenaxear a figura de Virxinia Pereira, á que o
Concello da Estrada dedica o Ano Cultural 2026, coa estrea dunha mostra titulada “A
muller que debuxou a Castelao”. Este ciclo tan especial consta de catro pezas que xiran
ao redor do universo de Castelao e da figura da súa muller, Virxinia Pereira.
As pezas son as que seguen:
• Venres 29 de maio (20.30): Estrearase no Teatro Principal a peza Lela, Leliña,
Lela inspirada en Os vellos non deben de namorarse que racha cos estereotipos
do amor romántico. Unha peza que estará interpretada polo Grupo Xuvenil da
EMAE dirixido por Fran Campos.
• Domingo 31 de maio (20.00). O pano subirá para a obra A voz de Virxinia, que
recolle distintos momentos da vida desta estradense. A peza, interpretada coa
técnica da máscara, correrá a cargo do Grupo de Adultos da EMAE e está dirxida
por Anabell Gago.
• Venres 5 de xuño (19.30): tamén no Teatro Principal, tomará o relevo o Grupo
Infantil da EMAE que porá en escena a coñecida obra de Castelao Un ollo de vidro
coa técnica de luz negra. A peza está dirixida por Arturo Cobas, Paula Quintas e
Antía Vidal.
• Domingo 7 de xuño (19.30). Pechará esta mostra a peza Cousillas que fará unha
relectura da obra Cousas de Castelao en clave danza-teatro. A obra estará
interpretada polo grupo de Danza +40 da EMAE e con dirección de Paula Quintas,
Antía Vidal e Arturo Cobas
A entrada aos espectáculos será libre ata completar a capacidade da sala.






































