A Xunta modificará as frecuencias dos centros de Arca, Ouzande e Ponte Ulla; os veciños non
teñen que facer nada se continúan recibindo todas as canles con normalidade
O Concello da Estrada informa aos veciños dun cambio nas frecuencias utilizadas para a emisión da
Televisión Dixital Terrestre (TDT) que afectará a determinadas zonas do municipio.
A Xunta de Galicia realizará o martes 1 de setembro actuacións nos centros de extensión de cobertura de Arca e
Ouzande, mentres que o mércores 2 de setembro está prevista a intervención no centro de Ponte Ulla, situado
no Concello de Vedra, pero que tamén proporciona sinal a determinadas zonas da Estrada.
Estas actuacións forman parte do proceso de evolución tecnolóxica da TDT que está a levar a cabo a Xunta de
Galicia e que implica a modificación das frecuencias polas que se distribúen as diferentes canles de televisión. A
nova distribución está prevista para entrar en funcionamento o 5 de novembro.
«Non é que o televisor ou a antena estean fallando, simplemente cambiaron as frecuencias»
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos
veciños das zonas afectadas.
«Se despois do cambio algunha canle deixa de aparecer no televisor, non debemos pensar que se
estragou a televisión ou que a antena deixou de funcionar. Simplemente cambiaron as frecuencias polas
que se reciben esas canles», explica.
Nese caso, sinala, «o que hai que facer é moi sinxelo: entrar no menú do televisor e realizar unha busca
automática de canles».
Magariños advirte, ademais, de que existe outra pequena consecuencia que os usuarios deben ter en conta: «Ao
facer a nova sintonización, as canles poden aparecer ordenadas de maneira diferente á que tiñamos ata
agora. Polo tanto, unha vez rematada a busca, probablemente teremos que volver ordenalas e poñelas nas
posicións habituais».
O concelleiro insiste en que a primeira actuación ante unha posible desaparición dunha canle debe ser comprobar
a sintonización: «Non significa que o televisor ou a antena estean fallando. O que cambiou son as
frecuencias de emisión e, por iso, o televisor ten que volver localizar as canles».
Non é necesario facer nada se a televisión funciona con normalidade
O Concello quere aclarar que os veciños non teñen que realizar ningunha actuación por adiantado.
A recomendación é sinxela: se, unha vez realizado o cambio, o televisor continúa recibindo todas as canles con
normalidade, non será necesario facer nada.
Pola contra, se algunha canle deixa de aparecer, será o momento de realizar a busca automática de canles.
Ademais, a relación de entidades de poboación facilitada pola Xunta non debe interpretarse como unha lista
pechada de vivendas afectadas. Trátase das zonas que, segundo os cálculos de cobertura, teñen estes centros
como mellor servidor, pero o sinal pode chegar tamén a outras localizacións.
«Pode haber vivendas que non estean nesta relación e que tamén reciban o sinal dalgún destes centros.
Por iso, máis que fixarnos unicamente na lista, o importante é comprobar como funciona a nosa televisión
cando se produza o cambio», explica Magariños.
A que zonas pode afectar?
Segundo os cálculos de cobertura facilitados pola Xunta, o centro de Arca ten como mellor servidor diferentes
entidades das parroquias de Arca, Codeseda, Nigoi, Souto e Tabeirós.
Entre elas figuran A Abeleira, A Amarelle, A Goleta, A Penela, Arcapedriña, O Carballal, Nodar, O Cruceiro,
Outeiriño e Xustín; así como diversas entidades de Codeseda, Nigoi, Souto e Tabeirós.
No caso do centro de Ouzande, as zonas identificadas corresponden a determinadas entidades de Guimarei,
Lagartóns e Ouzande: A Costa, A Devesa, O Monte e O Redondo.
Pola súa banda, o centro de Ponte Ulla, situado en Vedra, pode prestar servizo ás entidades estradenses de A
Calzada, A Veiga, O Regueiro e Os Bieites, na parroquia de Arnois.
Estas zonas son as identificadas pola Xunta segundo os seus estudos de cobertura como aquelas nas que cada
centro ofrece a mellor opción de recepción. Non obstante, outras vivendas situadas fóra destas entidades
tamén poderían recibir o sinal destes emisores e verse afectadas polo cambio.
Que canles se seguirán recibindo?
O cambio non supón a eliminación das canles de televisión, senón unha modificación das frecuencias polas
que se distribúe o sinal.
Nas novas frecuencias continuarán emitíndose as principais canles que actualmente reciben os fogares, entre elas
TVE1, TVE2, Clan, 24 Horas, Teledeporte, Telecinco, Cuatro, Antena 3, La Sexta, TVG, G2, TVG UHD, FDF,
Divinity, Neox, Nova, BeMad, DMAX, Energy, Mega, Boing e Trece, entre outras.
�� A mensaxe para os veciños é moi sinxela
Se continúas vendo todas as canles → non tes que facer nada.
Se desaparece algunha canle → realiza unha busca automática no televisor.
Se as canles aparecen desordenadas → volve colocalas nas posicións habituais.
Se despois da nova sintonización continúa algún problema → pode ser necesario revisar a instalación da
antena, especialmente no caso das comunidades de veciños.
«Queremos que os veciños teñan esta información antes de que se produza o cambio e que saiban
perfectamente como actuar. Se unha canle desaparece, primeiro hai que facer unha busca automática; se
despois segue sen verse, daquela xa comprobaremos se existe algún problema na instalación», conclúe
Magariños.
Ante calquera dúbida sobre a cobertura da TDT ou sobre o centro emisor que presta servizo nunha determinada
zona, os veciños poden contactar co teléfono 881 866 388 ou consultar a páxina web tdtgalicia.gal.



































