Co ditame favorable na comisión de Cultura, a proposta chega este xoves
ao pleno estradense.
O 19 de outubro coincide tamén co aniversario do nacemento de
Virxinia Pereira na Estrada.
O acordo de irmanamento inclúe unha proposta de actuacións
conxuntas, con iniciativas en materia de memoria, patrimonio,
educación, investigación e intercambio institucional e veciñal.
A elección da data non é casual. Moi ao contrario,
está tinxida de simbolismo. Os concellos da Estrada e Rianxo prevén asinar o seu
irmanamento o vindeiro 19 de outubro, un día como aquel de 1884 no que naceu
Virxinia Pereira Renda e como aquel de 1912 no que esta estradense casou con rianxeiro
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na antiga igrexa da Estrada que se erguía a poucos
metros da actual Praza de Galicia. Esta sinatura chegará despois de que os dos
municipios tomen este mes de setembro a acordo plenario para esta unión municipal.
No caso do Concello da Estrada, será este xoves.
O asunto chega ao pleno estradense co ditame favorable da comisión informativa de
Cultura e Deportes, na que todos os grupos políticos votaron a favor de formular
conxuntamente co Concello de Rianxo o protocolo de irmanamento que será asinado
no acto do 19 de outubro.
Aínda que está pendente de concretar o lugar, a proposta inicial sería a Praza de Galicia,
unha contorna que acolleu, 114 anos atrás, o enlace matrimonial que une tamén
simbolicamente estes dous municipios galegos. Virxinia Pereira e Castelao casaron na
igrexa de San Paio e festexaron as súas nupcias no edificio que outrora servía de sede
para o Casino estradense. Aos pés deste emblemático inmoble, nun lugar destacado da
actual Praza de Galicia, foi colocada no mes de xuño a escultura que reúne á familia
Castelao-Pereira.
O marco temporal para esta sinatura é tamén idóneo, dado que o Concello da Estrada
conmemora neste 2026 o Ano Cultural Virxinia Pereira, logo de que en toda a
comunidade galega se celebrara o 2025 como Ano Castelao. De igual xeito, este ano é o
140 aniversario do nacemento de Castelao en Rianxo.
Forte vínculo
O irmanamento entre A Estrada e Rianxo non nace dunha afinidade xenérica, senón dun
vínculo biográfico e patrimonial concreto, documentado e vivo, que o Ano Cultural
Virxinia Pereira 2026 pon en valor. Formalizalo agora consolida unha cooperación xa
iniciada meses atrás, honra a memoria dunha estradense esencial para a cultura galega
e dota a ambos os concellos dun marco estable de traballo común.
Sen prexuízo do que se concrete fimalmente no protocolo, dende o goberno local
proponse un programa marco de cooperación estable articulado nos seguintes eixos:
• Memoria e patrimonio. Itinerancia recíproca de exposicións (comezando por
“Dez voltas na vida”, que agora partirá da alameda da Estrada cara Rianxo);
sinalización cruzada dos lugares de memoria da familia Pereira-Castelao en
ambas as vilas ou roteiro conxunto “Da Estrada a Rianxo”.
• Educación. Programa anual de intercambio escolar entre centros de ensino dos
dous concellos arredor das figuras de Virxinia e Castelao; calendario escolar
compartido; participación cruzada nas actividades escénicas municipais.
• Creación e investigación. Convocatoria bianual conxunta (premio ou bolsa) de
investigación ou creación sobre o galeguismo cultural, con especial atención ao
papel das mulleres na conservación e transmisión do patrimonio.
• Institucional e veciñal. Presenza recíproca nas festas e conmemoracións
principais de cada vila; encontro anual alternante de corporacións e tecido
asociativo; denominación dun espazo público en cada concello vinculado á vila
irmandada.






































