A Policía Local afianza a sinalización horizontal que se vai desgastando
en diversas rúas.
O programa de obras contempla, ademais, necesidades detectadas pola
propia unidade e suma resposta a peticións veciñais
O Concello da Estrada, a través da Policía Local,
vén de emprender traballos de reforzo e mellora da sinalización horizontal nun
importante número de vías públicas. O programa, no que se inclúen necesidades
detectadas por esta unidade policial, suma tamén peticións veciñais ás propias accións
requiridas polo desgaste e o paso do tempo. Son, en conxunto, máis dunha trintena de
intervencións previstas.
A empresa encargada de realizar o pintado estivo esta mañá consolidando a sinalización
no estacionamento da Carballeira da Feira, onde se colocou un zig zag para remarcar a
zona na que non está autorizado o estacionamento. De igual xeito, nesta contorna están
delimitándose prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Este tipo
de prazas tamén se estiveron pintando na Zona Deportiva, caso do campo de fútbol
Manuel Regueiro.
Nas inmediacións da Praza da Feira, na rúa Rúa José e Severino Trigo, a Policía Local
tamén contemplou reforzar o pintado en amarelo con pivotes para impedir a parada ou
estacionamento de vehículos.
O programa inclúe o pintado de prazas para motocicletas na Rúa Justo Martínez; liñas
amarelas en vaos; novas prazas para usuarios con mobilidade reducida; entradas de
garaxe ou o repintado no cruce entre a Rúa Gradín e a Rúa Catro Camiños, que se atopa
actualmente moi desgastado polo uso. O mesmo acontece na Travesía da Cañoteira e
na súa confluencia coa rúa que baixa da Praza da Feira.
Estes traballos permitirán, ademais, marcar un estacionamento en batería na entrada
cara o Camiño da Congostra. Será na marxe dereita, con estacionamento en liña pola
esquerda e repintado das marcas existentes. Esta medida responde a unha petición dos
veciños da contorna.





































