O CONCELLO PON EN MARCHA ESTE SÁBADO O CICLO DA MULLER,CON ESPECTÁCULOS DE TEATRO E MONÓLOGO NO SEU CARTEL

 Os departamentos de Cultura e Igualdade colaboran dende hai anos
para poñer en valor espectáculos, artistas e compañías que traballan a
prol do apoderamento da muller e, máis concretamente, na
sensibilización social contra a violencia de xénero.
 “A voz de Virxinia”, Leti da Taberna e “Bernarda” figuran na proposta
deste ano.

Os departamentos de Cultura e Igualdade (a través
do Centro de Información á Muller) do Concello da Estrada presentan unha nova edición
do Ciclo da Muller, un programa no que as concellerías que dirixen Lucía Seoane e
Amalia Goldar colaboran dende hai anos para poñer en valor espectáculos, artistas e
compañías que traballan a prol do apoderamento da muller e, máis concretamente, na
sensibilización social contra a violencia de xénero. Este ciclo adoita convocarse no mes
de novembro, por ser o 25 o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a
Muller, se ben este ano as propostas arrancan xa este sábado, 23 de outubro.
O Ciclo da Muller propón desta volta tres espectáculos, dous de teatro e un monólogo
cómico:
• A voz de Virxinia / Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE). Será este
sábado ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con entrada a 5 euros. Público adulto.
É un espectáculo interpretado polo grupo de Adultos da Escola Municipal de
Artes Escénicas e dirixido por Anabell Gago que narra as peripecias vitais de
Virxinia Pereira a carón do seu home Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha
montaxe que presenta unha Virxinia que máis alá de ser a simple acompañante
do político, escritor e pensador; é a responsable da dignificación do legado do
rianxeiro e unha persoa cuns piares ideolóxicos firmes no galeguismo e na
defensa dos valores identitarios de Galicia.
• Enredada / Leti da Taberna. O venres 6 de novembro, tamén con entrada a 5
euros no Teatro Principal. +14 anos.
Leti da Taberna, a taberneira virtual con máis de 136.000 seguidores en
Instagram e TikTok, trae ao Principal estradense un monólogo que explora en
ton irónico a nosa relación coa Internet e as redes sociais e como estas inflúen,
cada vez máis, no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada
enche o escenario de luz e enerxía, provocando que a espectadora se vexa
identificada coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesma.
• Bernarda/ Malasombra Producións. O venres 20 de novembro no Teatro
Principal. Entradas a 5 euros. Para público adulto.
Bernarda, da compañía estradense Malasombra Producións, pecha unha
longúisima e exitosa xira por toda Galicia e parte do estado no Teatro Principal
da Estrada, cunha historia ambientada na Galicia de 1975. A obra, recoñecida
con catro Premios María Casares, inspirada na Casa de Bernarda Alba, enfronta
unha nai e as súas dúas fillas cos profundos cambios sociais que comezan coa
Transición. A función terá unha duración de 70 minutos.
As entradas para os tres eventos pódense retirar no departamento de Cultura do
Concello da Estrada por adiantado ou media hora das funcións en dependencias do
Teatro Principal.
O ciclo da Muller terá tamén un importante papel na Festa da Poesía deste ano, prevista
para o xoves 3 de decembro no Teatro Principal, xa que serán distintas integrantes das
asociacións de mulleres do concello as persoas convidadas a recitar os poemas no
apartado de colectivos locais.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.