A ESTRADA RECUPERA O SINGULAR ACUEDUTO DE LEIRA CUNINVESTIMENTO DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

 O alcalde e técnicos municipais supervisan o remate das obras de
recuperación dunha peza á que se lle atribúe unha antigüidade de case
tres séculos.
 Está considerado un dos acuedutos máis antigos de Galicia en
funcionamento e enmárcase no conxunto hidrolóxico e arquitectónico
da Presa de Leira, na que tamén se realizaron melloras.

O Concello da Estrada vén de recibir as obras
vencelladas ao Fondo de Compensación Ambiental, cuxos recursos se destinan por
segundo ano consecutivo á posta en valor da contorna da Presa de Leira. Neste 2026 o
groso do investimento dirixiuse á recuperación do singular acueduto situado nos límites das
parroquias de Ribela, Parada e Codeseda. A construción forma parte dun conxunto
hidrolóxico e arquitectónico que constitúe, asemade, un importante elemento patrimonial
e un atractivo turístico aínda moi descoñecido.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, visitou este venres a zona para coñecer de
primeira man o resultado dos traballos. “Este conxunto ten moito atractivo natural,
hidrolóxico e turístico”, subliñou o mandatario, que puxo o acento no “patrimonio tan
interesante que temos nesta zona do noso concello”.
O propio rexedor lembrou que na primeira intervención, realizada en 2024, os traballos
impulsados polo Concello permitiron recuperar os muros derrubados no discorrer da presa
de Leira e instalar pasarelas e varandas nalgúns dos puntos do percorrido con maior
dificultade de paso, co obxectivo de facilitar o tránsito peonil pola contorna.
Neste 2026, o foco púxose na recuperación do acueduto, unha infraestrutura hidráulica
histórica que continúa cumprindo a súa función de permitir o paso da auga sobre o curso
fluvial. Os traballos posibilitaron a recuperación dalgunhas das grandes lousas de pedra que
cobren a canle, restituíndo parte da configuración orixinal desta singular construción. Porén,
cómpre lembrar que se trata dunha infraestrutura concibida para a condución de auga, non
como un paso peonil.
Con preto de tres séculos de historia (algunhas fontes documentais sitúan a súa construción
no ano 1753), o acueduto de Leira ten sona de seren dos máis antigos acuedutos en
funcionamento que existen en Galicia. Forma parte dunha antiga condución de auga -a
presa de Leira- de arredor de 3 quilómetros de lonxitude e que se creou para a rega de
prados e cultivos da contorna.
Ademais da importancia arquitectónica deste singular patrimonio atesourado neste punto
do rural estradense, a beleza da paisaxe natural na que se enmarca o acueduto é innegable.
A maiores, a carón da presa e acueduto de Leira existen moitas lendas e contos populares,
principalmente asociados ás figuras mitolóxicas dos mouros. De feito, varias pedras e
cavidades están bautizadas con nomes que fan referencia a esta compoñente lendaria.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.