
Desenvolve estes días unha campaña entre os grandes produtores.
Impulsada no marco dunha subvención da Consellería de Medio
Ambiente, a campaña incide en que a correcta separación da materia
orgánica permite diminuír a cantidade de lixo que acaba no colector de
resto, unha fracción cuxo tratamento se encareceu un 67%.
O dato económico que reforza a argumentación: o tratamento da
fracción orgánica custa 58 euros por tonelada, fronte aos 122€ da
fracción resto.
O Concello da Estrada desenvolve estes días unha
campaña de sensibilización para fomentar a correcta separación dos residuos e,
especialmente, animar a veciñanza a utilizar o contedor marrón para depositar a materia
orgánica. Actualmente esta proposta de sensibilización, promovida no marco dunha
subvención da Consellería de Medio Ambiente, estase centrando nos grandes produtores
deste tipo de residuos.
A iniciativa busca concienciar sobre a importancia de separar os residuos en orixe, tanto
polo seu impacto positivo no medio ambiente como polo aforro económico que pode
representar para as arcas municipais.
Neste sentido, os datos recollidos no material informativo distribuído polo Concello poñen
de manifesto a importancia dunha correcta clasificación do lixo. O custo de tratamento da
fracción resto, é dicir, aquela que non se pode reciclar nin aproveitar mediante outros
sistemas, incrementouse considerablemente nos últimos anos. Segundo as cifras recollidas
no folleto, pasou dos 73 euros por tonelada en 2023 aos 122 euros, o que representa unha
suba do 67 %.
Pola contra, o tratamento da materia orgánica a través da compostaxe doméstica figura cun
custo de cero euros por tonelada, mentres que o tratamento dos residuos orgánicos
depositados no contedor marrón ten un custo de 58 euros por tonelada, fronte aos 122
euros da fracción resto. Estas cantidades corresponden aos custos de tratamento
anunciados, sen incluír os gastos de recollida.
Por este motivo, o Concello lembra que separar correctamente os residuos non é só unha
cuestión de responsabilidade ambiental, senón tamén unha maneira directa de contribuír á
sustentabilidade económica do servizo municipal de recollida e tratamento do lixo.
Lémbrase, ademais, a importancia de utilizar correctamente o resto dos colectores: o azul
para papel e cartón; o amarelo para envases lixeiros; o verde para vidro; e os colectores
específicos para aceite usado, téxtiles e outros residuos




































