A VECIÑA SALUDINA CHAO RIVADULLA INGRESA NA NÓMINA DECENTENARIOS ESTRADENSES

 O alcalde quixo acompañala neste aniversario tan especial.
 Saludina é natural de Guimarei, pero fixo a súa vida na parroquia de
Cereixo.

María Dolores Saludina Chao Rivadulla naceu un día
como hoxe en Guimarei, aínda que a vida a levou a crear a súa propia familia na parroquia
estradense de Cereixo. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, quixo acompañala neste
9 de novembro no que Saludina cumpre un século de vida e de experiencia.
«Cadroulle», di cando se lle pregunta cal é o truco para chegar aos 100 anos. Con todo, se lle
dá unha pensada, non tarda en matizar: «Traballar moito». “E abofé que si. Traballou sen
parar ata ben entrados os 90 anos. Foi unha labrega coma tantas outras que deixou as mans
e as engurras na terra”, explica unha das súas netas, a xornalista Laura Filloy.
Saludina é filla dun emigrante que fundou unha carboeira en Cuba e morreu novo ao outro
lado do Atlántico. “A miña bisavoa sacou adiante cinco fillas con tesón e perseveranza. Miña
avoa debeu herdar ese carácter resiliente que a fai afrontar as dificultades dende a
resignación. As perdas deixan cicatrices no corpo e moitas bágoas, pero agora desfruta coas
súas bisnetas Olivia e Amelia como unha vez o fixo cos seus netos. Non creo que ningún de
nós puidese ter unha avoa mellor”, comenta Filloy con orgullo.
O alcalde non quixo perder hoxe ocasión de visitar a Saludina no seu día, aínda que agora a
vida a levase a residir coa súa filla Teresa na veciña localidade de Pontevea. O rexedor
lembrou os anos nos que os dous foron veciños en Cereixo e entregoulle a esta centenaria
un ramo de flores no nome de todos os estradenses para celebrar as 100 velas que xa coroan
a súa torta.


Saludina foi a cuarta de cinco irmás. Agardou durante anos polo reloxo que lle había traer
un pai que viu por última vez xusto antes de que estalase a Guerra Civil e que endexamais
volveu. A morte convertería a ausencia en loito.
Esta estradense casou con Manuel Filloy Sánchez tamén un día como hoxe, pero de 1957
(hoxe sería o seu 69 aniversario de voda). Tiveron dous fillos, cinco netos e dúas bisnetas. O
domingo houbo unha primeira celebración coa familia e hoxe, o mesmo día do seu
aniversario, Saludina estaba lista para soprar as velas.

Se o traballo é receita para cumprir anos con vitalidade, o chocolate e o fútbol son
ingredientes para a que vida resulte máis estimulante. Saludina é moi futbolera e gran
afeccionada ao Real Madrid.
“Hai uns anos fíxenlle prometer que non podía morrer ata facer os 100 anos”, comenta a
súa neta. “Agora dime que xa pode marchar tranquila. Eu respondo que non, que hai que
renegociar os termos do contrato mentres penso, unha e outra vez: por favor, sé eterna».

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.