A ESTRADA ABRE UNHA NOVA CONVOCATORIA DOS PREMIOS MANUELGARCÍA BARROS E ALBERTE QUIÑOI, QUE SUMAN 13.000 EUROS

 O Concello difunde as bases das novas edicións dos seus certames de
novela e álbum ilustrado, que se suman á longa traxectoria municipal
de recoñecementos á creación literaria e cultural galega

O O Concello da Estrada vén de publicar as bases
dunha nova edición de dous dos seus certames culturais: o XXXIX Premio de Novela Manuel
García Barros (Ken Keirades) e o VII Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado. Son dúas
convocatorias que, acadando conxuntamente unha dotación económica de 13.000 euros,
buscan apoiar a creación, recoñecer o talento e contribuír á difusión da cultura e da
literatura en lingua galega.
Ambos os premios forman parte dunha traxectoria consolidada de apoio municipal á
creación cultural, na que tamén se enmarcan o Premio de Poesía Avelina Valladares, o
Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela ou o Premio de Teatro Varela Buxán.
O XXXIX Premio de Novela Manuel García Barros, que leva o nome do escritor estradense
coñecido como Ken Keirades, conta cunha dotación de 9.000 euros. Poderán concorrer
autoras e autores de calquera nacionalidade, agás as persoas gañadoras das cinco últimas
edicións, sempre que presenten obras inéditas e totalmente orixinais, escritas en lingua
galega conforme á normativa oficial vixente.
Os orixinais deberán presentarse por quintuplicado en papel, acompañados dunha copia
dixital en formato PDF, na Casa do Concello da Estrada antes do 31 de xaneiro de 2027.
Entre os criterios de valoración do xurado figuran a calidade literaria (en especial trama,
ritmo narrativo e creación de personaxes), a orixinalidade e o valor cultural da proposta, así
como a calidade e o coidado da lingua empregada. A obra gañadora será publicada por
Editorial Galaxia.
Pola súa banda, o VII Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado está dirixido a obras
ilustradas de tema libre, inéditas e en calquera medio ou soporte, destinadas ao público
infantil. As bases establecen que texto e ilustración deben ter unha importancia equivalente,
de maneira que ambos os elementos sexan valorados conxuntamente.
Poderán presentarse tanto obras completas como proxectos, que deberán incluír un mínimo
de oito páxinas rematadas, ademais da escaleta completa do guión ou do storyboard. Os
álbums deberán ter entre 24 e 48 páxinas, sen contar cuberta e contracuberta, e
presentarse en lingua galega. O premio único está dotado con 4.000 euros e a obra gañadora
será publicada por Editorial Galaxia.
A valoración do xurado terá en conta, entre outros aspectos, a calidade textual e visual, a
interacción entre texto e imaxe, a orixinalidade, o valor cultural da proposta ou a calidade
lingüística. Valoraranse a capacidade do álbum para xerar educación en valores.
As dúas convocatorias están promovidas polo Concello da Estrada coa colaboración da
Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e de Editorial Galaxia.
As bases completas poden consultarse na páxina web municipal, www.aestrada.gal, na
aplicación do Concello e nas súas redes sociais.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.