MANUEL COLLAZO PAZOS, O ‘AVÓ’ DA ESTRADA, CUMPRE 105 ANOS

 Veciño dos Golmados, en Arnois, recibe na súa casa os parabéns do
alcalde mentres resoan as 105 bombas cos que o homenaxean os netos.
 Os datos estatísticos con que conta o Concello da Estrada sitúan 31
veciños por encima dos 100 anos, a razón de 24 mulleres e 7 homes.

Manuel Collazo Pazos. Así se chama o ‘avó’ da
Estrada, un veciño do lugar dos Golmados, na parroquia de Arnois, que este 20 de
novembro cumpre 105 anos. E 105 foron, tamén, as bombas que os seus netos fixeron
estourar hoxe cando o reloxo marcou as 13.00 horas para conmemorar un aniversario
tan especial. O alcalde, Gonzalo Louzao, quixo acompañar a Manuel neste día e
trasladarlle os parabéns no nome de todos os veciños e veciñas a Estrada.
Manuel Collazo viviu toda a súa vida nesta parroquia estradense, onde corría entre a
veciñanza co alcume de Manuel da Casa Nova. Casou con María de la Torre Gambino e
tiveron dous fillos, seis netos e oito bisnetos. Entre o ‘avó’ estradense e Lorenzo, o máis
pequeno da familia, hai unha diferencia de 104 anos.
Este veciño de Arnois adicou ao súa vida profesional ao traballo nunha polbeira e na
terra. O seu carácter activo e enérxico mantívoo conducindo ata os 90 anos e con moita
vitalidade ata cumprir os 100, un día no que saíu festexar coa familia e mesmo se marcou
algún baile.
“Ata os 90 conducía e coidaba a súa muller todo o día”, explica o seu neto Víctor Collazo.
“Atendela a ela dáballe forza”, lembra. Aínda que os achaques da idade lle restaron
mobilidade nestes últimos anos, Manuel camiña pola casa coa axuda dun andador.
Segue as noticias na televisión e non renuncia a comer cun vaso de viño nin ao pracer
de quentar as mans sobre a cociña de ferro. Ao seu carón pasa o día, se ben no verán
cambia a cociña polo fresco da terraza.
Cando Collazo Pazos cumpriu os 100 anos os netos lanzaron outras tantas bombas de
palenque. Cada vela que se suma á torta de Manuel o 20 de novembro é un estalido
máis no ceo de Arnois para celebrar este veciño que hoxe se converte tamén no avó de
todo o municipio.
Neste senso, os datos estatísticos con que conta o Concello da Estrada sitúan 31 veciños
por encima dos 100 anos, a razón de 24 mulleres e 7 homes. Manuel Collazo sería o máis
veterano dos varóns, sendo igualado en anos por unha veciña do casco urbano que lle
toma a dianteira por seis meses.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.