López Campos anunciou varios compromisos da Xunta coa Estrada que non se teñen executado
O goberno municipal de López Campos ten anunciado compromisos de execución por parte da Xunta de Galicia en determinadas obras que non se teñen materializado. Foron varias as fotos de López Campos rodeado de cargos institucionais do PP vendendo a realización de obras con cargo aos orzamentos da Xunta que a día de hoxe non están realizadas: Autovía AG-59 inicio en 2011 e rematada en 2015; entrada á Estrada dende Santiago en 2012, paso subterráneo para o Centro Médico do Souto de Vea a finais de 2012.
A mediados do pasado ano López Campos anunciaba a realización do paso subterráneo para o centro médico do Souto de Vea, facía pública a inminente expropiación dos terreos por urxencia e chegaba a dicir que a Xunta tiña reservada unha partida de 164.000 euros para iniciar a obra no último trimestre de 2012 e tela rematada no primeiro de 2013. Obra executada a día de hoxe, ningunha.
Anunciaba tamén en 2012, con fotos e titulares varios, que tras conversas co Delegado Territorial e a consellería, o propio Conselleiro Hernández dera ’vía libre’ as obras na entrada á Estrada dende Santiago, xunto á Gardería Municipal, obras de mellora da seguridade vial, creación de espazos de estacionamento, carril bici, e construción de beirarrúas. A día de hoxe, na zona o único que se ten feito foi colocar unhas barreiras de formigón na carretera, que lonxe de mellorar o acceso son un perigo”.
A autovía AG-59, a pesares de que o propio Conselleiro Hernández tiña fixado a súa execución para o ano 2011, esta non se produciu. Lonxe diso o propio Hernández en xullo de 2012 pospuxo a súa licitación ata o ano 2013, e a realidade amosou que os orzamentos de 2013 non recollen nin un só euro para esta finalidade”.
A autovía AG-59, que conecta Santiago de Compostela coa Estrada, e a súa continuidade ata Cerdedo e Forcarei, é fundamental para a vertebración das comarcas de Tabeirós e Terra de Montes. Son reiteradas as manifestacións feitas pola corporación municipal, por distintos colectivos sociais, económicos e veciñais sobre a necesidade desta infraestrutura pola súa repercusión económica e social.
“A día de hoxe, os estradense descoñecemos que é o que pensa facer o PP con respecto a esta infraestrutura fundamental para o noso Concello. O Plan Move da Xunta prevé o remate da AG-59 no ano 2015, pero a realidade é que non se ten realizado nin tan sequera o proxecto de execución da mesma. Por este motivo, os socialistas rexistramos no Parlamento varias preguntas ao respecto, pois os estradenses temos dereito a coñecer que pensa facer o PP, queremos coñecer que vai pasar con este proxecto, cal é o compromiso real e o calendario que manexan ao respecto, iso si, a realidade non fabulacións como as descritas.”
Fotografía: Iria Eiras
Redacción: PSdeG PSOE de A Estrada






































