O BNG denuncia o abandono das obras da traída de Guimarei

IMG_4929O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, vén de denunciar que o concello da Estrada deixou sen rematar as obras da traída de Guimarei que pasa polos lugares da Costa e O Oural, “unha mostra máis da política de chapuza en chapuza que caracteriza ao alcalde e ao Partido Popular nestes dous anos de mandato”.

Xosé Magariños explicou que “estas obras levantaron boa parte da capa de rodadura da estrada da parroquia, facendo intransitábel as estradas que lle dan comunicación ao lugar, así como desfixeron por completo as cunetas polas que circulan as aguas pluviais”. “En resumo,” engadiu o concelleiro nacionalista, “un desastre e unha chapuza da marca López”.

“Segundo nos manifestaron os veciños dos lugares afectados por esta obra”, indicou o concelleiro nacionalista, “o concelleiro de rural comprometeuse con eles para rematar as obras o antes posíbel, mais van alá xa dous meses do citado compromiso, sen que até o de agora tiveran noticias nin do concelleiro nin do alcalde que nin apareceron por alí”, manifestou Magariños.

“As veciñas e veciños están moi molestos por como quedou a obra, un desastre, así como pola falta de resposta do concello nestes dous meses que levan agardando”, explicou Xosé Magariños. O concelleiro do BNG esixiu ao alcalde que “arranxe esta desfeita para que os veciños poidan transitar polas estradas do lugar sen sobresaltos e sobre todo con seguridade, que quedou moi minguada por mor desta chapuza”.

Fotografía: Mariana Dono

Redacción: BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta