A Asociación Cultural Vagalumes presenta o libro "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez"

acto-das-letrasA Asociación Cultural “Vagalumes”, no marco da semana das letras galegas, vai realizar unha presentación do libro “COMO FALAR E ESCRIBIR EN GALEGO CON CORRECCIÓN E FLUIDEZ”. Para o cal contaremos coa presenza do seu autor Carlos Callón o vindeiro mércores 15 de maio ás 20:00 h. Na sala de exposicións de novagaliciabanco da Estrada.

Carlos Callón é o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e o portavoz da Plataforma “Queremos Galego!”.
É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros *Unha historia que nos pertence* *(A obra poética en galego de Lorenzo Varela)* (2005) e *En castellano no hay problema* (2010), no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra *Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media*, na que analiza a aceptación da adelphopoiesis na Idade Media. Entre outra documentación, analiza un documento de 1061 recollido no Tombo de Celanova, polo cal Pedro Díaz e Muño Vandilaz subscribían unión en Rairiz de Veiga.
No libro que presentamos o vindeiro mércores, de xeito desenfadado e mediante anécdotas, ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
Ademais, este acto insírese na loita de defensa da nosa lingua fronte ás agresións que está a recibir nestes momentos dos gobernos central e autonómico na que está a nosa asociación comprometida no seo da plataforma Queremos Galega!, aproveitando para convocar ás/aos estradenses a manifestación que terá lugar o vindeiro 17 de maio ás 12 da mañá desde a
alameda de Santiago de Compostela

A. C. Vagalumes Tabeirós – Terra de Montes

Esta entrada fue publicada en Asociacións, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta