O alcalde da Estrada, José López, fixo hoxe un balance da 40ª Festa do Salmón, que celebrou o seu día grande o pasado domingo 19, e amosou a súa satisfacción polo resultado xeral, aínda que xa comezou a pensar na seguinte edición anunciando que os principais retos serán a desestacionalización da gastronomía en torno ao salmón e o impulso á promoción exterior da festa.
López cre que 9.000 asistentes, case 6.000 pinchos servidos na degustación popular e centos de persoas nas actividades paralelas (Photocall, Gala Máxica, Ruta de BTT, Feira de Artesanía, Exposición de Montaxe de Moscas…) confirman a boa saúde da festa, pero subliñou que debe comezar a traballarse de inmediato no futuro desta cita gastronómica aproveitando a recente catalogación de Festa de Galicia de Interese Turístico. “A cita vai ter máis apoios, máis posibilidades de axudas e máis difusión e visibilidade ao entrar no circuíto das cen principais festas de Galicia”, sinalou.
O rexedor local está convencido de que se debe estender o programa de actividades durante máis tempo, sempre en consonancia cos hostaleiros locais, co obxectivo de desestacionalizar a gastronomía en torno ao salmón. Neste senso, a búsqueda de novas actividades e o maior vencellamento aos valores deportivos e medioambientais da pesca e do río Ulla xogarán un papel fundamental “para xerar riqueza e postos de traballo” no sector servizos e de lecer do municipio.
López tamén anunciou a súa aposta pola promoción exterior da Festa do Salmón de cara a vindeiras edicións, inicialmente por toda Galicia, para facer aumentar a cifra de visitantes máis alá dos propios estradenses. Neste contexto, cre que debería abordarse a posible comercialización do campanu e dos salmóns do Ulla como medida promocional tanto do río como da festa gastronómica. Paralelamente, estudiaranse distintas alternativas para multiplicar a imaxe e o grao de coñecemento da festa.
Concello de A Estrada
Fotografía: Mariana Dono
Gravación: Abel Eiras e Iria Eiras






































