Os datos de solicitudes ofrecidos polo Concello e recollidos na prensa non coinciden cos de admisión e agarda publicados na web municipal
O procedemento de admisión na gardería municipal da Estrada, Escola Infantil Municipal (EIM), realízase entre os meses de abril e maio, así consta no Regulamento de Organización da EIM. Segundo a información que a propia Concelleira de Educación, Amalia Goldar, fixo pública, o goberno municipal acaba de resolver a matrícula do vindeiro curso.
“Os socialistas demandamos fai un mes maior transparencia no procedemento de adxudicación das prazas da gardería municipal. Pendentes inda de que o goberno municipal atenda esta demanda, incomprensiblemente, vemos como os datos de número de solicitudes e peticións aceptadas e rexeitadas ofrecidos polo Concello e recollidos na prensa escrita non coinciden coas listas recollidas na web municipal”, comentou Louzao.
É necesario crear máis prazas, na actualidade non son suficientes para atender á demanda real, pero tamén e preciso garantir a igualdade de trato ás familias no acceso a ditas prazas limitadas, pois esta situación xera malestar entre os veciños e suspicacias en relación ao procedemento de adxudicación das mesmas.
“En nada axuda que os datos de matricula ofrecidos polo propio concello sexan confusos e dean lugar a máis suspicacias e dúbidas sobre a adxudicación de prazas”, continuou declarando a portavoz socialista.
O goberno municipal inda non convocou a comisión necesaria para modificar o regulamento da EIM e dotala de transparencia
O pasado 25 de abril os socialistas da Estrada pedían ao goberno municipal dotar de maior transparencia o procedemento de adxudicación de prazas na gardería municipal como xeito de garantir a igualdade no acceso, así como facilitar ás familias o coñecemento das posibilidades reais de ingreso dos cativos no centro. Pedían realizar as modificacións necesarias para que os usuarios teñan acceso á información actualizada sobre as solicitudes de reserva de prazas, as admisións, os movementos nas listas de agarda, as vacantes e baixas durante o curso.
O goberno local, no transcurso da comisión de benestar social na que se debateu o asunto, por boca da concelleira Amalia Goldar, pedía deixar a moción sobre a mesa, e propoñía tratala de cara ao pleno de xuño en lugar do de maio. Por aquel entón dicía aceptar a proposta socialista, pero que ía solicitar informes para modificar a ordenanza municipal e o regulamento interno da Escola Infantil.
A unha semana de que se convoque o pleno de xuño non temos constancia de que se teñan producido as modificacións faladas na ordenanza municipal da gardería nin no regulamento interno.
PSdeG PSOE de A Estrada
Fotografía: Iria Eiras







































