Desde o BNG pedímoslle ao alcalde da Estrada menos triunfalismo a respecto do transporte público.
Se ben é certo que para unha parte importante dos veciños e veciñas a entrada do concello na área de transporte metropolitano de Santiago trouxo unha rebaixa importante no prezo do billete, non é ouro todo o que reloce, como xa temos manifestado no seu día. Aos veciños e veciñas de Vea, así como de Arnois, non lles sae tan a prezo a a nova tarifa metropolitana, con incrementos que van desde o 30 ao 50% a respecto do que pagaban antes, feito que denunciamos xa aló polo 2015.
Pero por se isto fora pouco tamén houbo supresión de diversos tramos horarios, afectando non só á Estrada, senón tamén a Cuntis e Moraña, reducindo as posibilidades de desprazamento desde estes concellos á capital galega e viceversa.
Polo tanto é falso o que afirma o alcalde de que lle «deron resposta ás demandas» veciñais. Reiterar que foi o BNG o que denunciou o incremento das tarifas para unha parte dos usuarios do transporte metropolitano e desde o goberno municipal nada se fixo desde entón.
Este pasotismo do PP terá consecuencias, porque se xa houbo unha redución de viaxeiros desde o incremento de prezo do billete en 2015, a supresión dalgúns tramos horarios tamén tivo unha repercusión negativa, o que redundará no futuro coa eliminación de liñas de transporte público, escusándose en que non son rendíbeis. Como van ser rendíbeis se desde a Xunta fan que non o sexan e desde o goberno municipal pasan de todo?
Finalmente queremos recordarlle ao PP, que o transporte público no rural é fundamental, porque para moitos veciños e veciñas é a única alternativa que teñen para desprazarse. Se queremos vertebrar un territorio como o noso co 50% da poboación no rural é fundamental contar con transporte público, como se fai en todos os países europeos; o que pon de manifesto as declaracións do alcalde é que a política do PP para o rural pasa por que a xente se vaia vivir aos grandes núcleos de poboación, que se pon de manifesto non só na política de transporte público, senón tamén no PXOM, na política agraria, etc.