Feita pública a aprobación definitiva, condicionada, do PXOM da Estrada por parte da Xunta de Galicia, os socialistas solicitamos acceso ao expediente de resolución, para poder valorar na súa totalidade dita aprobación. A data de hoxe o goberno municipal inda non tivo a ben facilitar dita información, non obstante, dende o grupo socialista –ante a pregunta reiterada por distintos medios- realizamos as seguinte valoración.
A aprobación do Plan Xeral parécenos ben, e a ferramenta necesaria para desenvolver e dinamizar o Concello. É unha carta necesaria para poder xogar a partida, e a súa carencia supuxo un importante lastre de moitos anos na Estrada, pero esta carta non gaña por si soa a partida. A súa aprobación non debe considerarse como un fin en si mesmo, se non como un fito necesario para lograr o obxectivo de desenvolver o potencial do noso Concello.
Despois de traballar durante décadas para lograr o documento que regule o urbanismo da Estrada, é unha pena que planee sobre o mesmo a sombra da inseguridade. O documento validado pola Xunta foi aprobado con informes desfavorables do secretario municipal, tras as modificacións unilaterais realizadas polo goberno local sobre un documento anterior que si contaba con informes favorables dos técnicos municipais titulares, que os veciños descoñecen pois non foi exposto ao público e sobre o que pende a sombra de posibles recursos por vía xudicial. O recorrido deste documento tan importante nos 2 últimos anos fala dunha xestión penosa, que se resolveu por amiguismo político.
Á vista da inseguridade xurídica coa que se aprobou agardamos que conte con todas as garantías legais e non prexudique os intereses dos estradenses no futuro, que as expectativas creadas non se teñan que frustrar de raíz.
Por non ter PXOM, certamente, A Estrada perdeu oportunidades en anos pasados, cando o contexto socioeconómico era máis favorable, perdeu incluso posibilidades de reacción ante crise actual por non ter sido aprobado o PXOM en base á lei do solo anterior, que permitía modificalo a posteriori. Os veciños coñecen perfectamente esta historia. Pero agora, a situación actual tan complicada para todos os estradenses, obriga a traballar para facer que o Plan sexa o máis útil posible para todos, polo que non se pode perder máis tempo.
PSdeG PSOE de A Estrada






































