A parroquia estradense de Couso celebrará o 14 de agosto a súa 22ª edición de As nosas músicas, unha xornada cargada de actividades para tódolos públicos que está organizada pola Asociación A Xesteira.
O programa festivo arrancará ás 14.00 horas coa sesión vermú amenizada polo agrupación Ultreia de Santiago de Compostela. A partir das 16.30 horas haberá xogos tradicionais a cargo de Eira Xandobela. Ás 18.30 horas será a quenda do obradoiro Enredos sonoros a cargo de Oli Xiráldez. Ás 20.00 horas estará presente Pablo Carpintero para falar da historia da música tradicional a través dos nosos instrumentos. Ás 21.00 horas terá lugar outro obradoiro, pero neste caso de iniciación ó baile tradicional con Marcos Botana.
Ás 22.30 horas empezará o concerto de Leilía. Tras esta actuación, a xornalista Marga Pazos será a encargada de entregar o II Premio As nosas músicas, galardón que contribúe a apoiar a música e a cultura galegas. Despois terá lugar o primeiro pase de Art-Monium, seguido de Airiños da Freba, do segundo pase de Art-Monium e pechará Tiruleque.
Ademais durante todo o día dispoñerase dunha zona gastronómica contando con servizo de pulpeiro e que incluirá tamén postos de produtos ecolóxicos. Coma noutras ocasións haberá zona de acampada e aparcadoiro gratuíto, deixando en vontade de cada un se desexan ou non facer algunha achega económica.
“Sei que organizar un evento como este despois de 22 anos non é sinxelo, moitas veces o máis difícil non é crear os eventos, senón mantelos no tempo, e si temos algo importante no noso rural, é que unha parte das nosas parroquias seguen mantendo unha importante tradición e foron capaces de ir pasando o relevo a novas xeracións aumentando ademais tanto en cantidade como en calidade o número de eventos que se fan preservando a nosas tradicións e a nosa cultura” indicou onte durante a presentación do evento o alcalde da Estrada, José López o que engadiu: “un exemplo moi claro desas 51 parroquias é a de Couso, unha das parroquias máis festeiras do noso concello, e ademais é un lugar onde unha gran parte dos seus veciños se implican durante todo o ano en distintos eventos, tanto solidarios como culturais”.
O principal obxectivo desta xornada é adicarlla á cultura e gozar dun día en familia.“Este ano a parte do gran espectáculo que temos queremos centrarnos noutro aspecto tamén do festival, que tamén é importante, que son os espazos que temos alí, baseándose no coidado, na hixiene e no respecto á natureza e con todas estas actividades o que pretendemos en que no rural haxa cultura e que serva tamén para que a xente se poida relacionar e coñecer persoas doutros sitios”, destacou Manuel Brey, un dos integrantes da organización.
Este ano o presuposto do festival é maior con respecto a outros anos, alcanzando os 18.000 euros, pero contan con diversos apoios, coma o do Concello ou o da Deputación, e con máis de 50 sponsors. “Na asociación cada día somos menos para organizar, pero cada vez temos máis xente que nos axuda altruistamente”, indicou Manuel Brey.
Alejandro Brey, outros dos organizadores, falou do cambio de filosofía do evento o longo destes anos. “Estamos cambiado o que era a filosofía do festival de hai 20 anos, xa que agora non é unha festa de noite, xa que intentamos que sexa máis unha xornada que empece ás dúas da tarde e que poidas estar ca familia ata a unha ou dúas da madrugada podendo desfrutar dun día de festa, por iso este ano a festa en si comeza xa ás 22.30 horas”.
******No acto de presentación do evento estivo o alcalde, José López, e os integrantes da organización: Iván Magariños, Manuel Brey e Alejandro Brey.







































