O Concello da Estrada colaborou con medios humanos e materiais nos incendios de Forcarei e Silleda

 

 

O alcalde incide en perseguir as prácticas incendiarias que están poñendo en risco a vida das persoas


Estes últimos días Galicia viviu unha situación crítica a causa dos múltiples incendios. No municipio da Estrada houbo algún lume pequeno, como o que se declarou onte en Oca e tal e como comentou o alcalde da Estrada, José López. “Centrámonos basicamente estes días no apoio ao resto de operativos de incendios que estaban no entorno do noso concello, como foron os dos municipios de Forcarei e de Silleda”, sinala López. “O que fixemos foi previamente coñecer a situación a través dos coordinadores da Xefatura Territorial de Medio Rural, poñer a disposición os nosos medios, tanto o que son as brigadas de incendios como o propio grupo do GES e o grupo municipal de emerxencias. E coordinouse para poñernos a disposición daqueles operativos que o necesitaron. Fomos mobilizados durante todo o día e toda a noite e hoxe pola mañá a situación xa era algo máis tranquilizadora porque onte en Forcarei e en Silleda había núcleos que estaban directamente afectados polas lapas, e nestes casos o primeiro eran as persoas, despois as propiedades e finalmente intentar sufocar os incendios”, apunta o alcalde.
O Concello puxo a disposición os medios humanos e materias, como os vehículos e todos os medios que teñen no servizo de Protección Civil e de Emerxencias. “Tristemente neste tipo de casos todos os medios que poñemos á disposición sempre son insuficientes. Manter a seguridade das persoas era o fundamental e agardo a que a climatoloxía nos permita traballar con algo máis de calma, porque onte foi un día bastante complexo, sobre todo polo tema do vento que dificultou moito as labores de extinción”.
O alcalde incidiu en que “non nos podemos esquecer das responsabilidades que poden haber detrás de todo isto. Como todo parece indicar, ou presuntamente se ve, foron maioritariamente lumes intencionados, polo que eu creo que hai que perseguir estas prácticas incendiarias porque isto é unha lacra, porque xa no son só os danos medioambientais que producen que son devastadores, senón é poñer en risco a vida das persoas e os bens”.
López agradece a todos os que están aportando a súa axuda. “Quero agradecer o seu traballo, porque onte remataban os convenios dos brigadistas, que rematan o 15 de outubro, e todas as brigadas estiveron funcionando todo o día e toda a noite o que é digno de agradecer. Non só colaborou o noso persoal de Emerxencias e de Protección Civil que estaba en garda, senón que houbo xente que se incorporou ao servizo para colaborar o cal hai que poñelo en valor”.
O rexedor ten previsto poñerse en contacto con responsables de Medio Rural. “Agora temos que ver cal é a situación a partir de hoxe, poñéndonos en contacto con Medio Rural, e pola nosa parte como Concello, evidentemente, poñeremos todos os medios que sexan precisos para colaborar. Non tivemos ningunha incidencia grave aínda que si varios conatos de incendios, pero unha da filosofía das emerxencias é a solidariedade. Neste caso, A Estrada, por suposto, e como non pode ser doutra maneira, onte estivo presente en todos aqueles sitios onde se nos pediu axuda. Neses casos hai que seguir colaborando e seguir traballando para que isto non volva acontecer”.
López incide na importancia de cumprir a Lei de Incendios que evitarían situacións como as que se están vivindo estes días. “Creo que tamén é importante sensibilizarnos cun tema que as veces non somos o suficientemente sensibles que é o cumprimento da Lei de Incendios, sobre todo o relativo ó mantemento das fincas que están máis próximas aos núcleos”, insiste o alcalde e engade: “Nós este ano aprobamos unha ordenanza na que se establecen os perímetros ou liñas de limpeza de maleza no entorno dos núcleos. Sei que as veces non é popular facer estas cousas pero si é necesario, porque un non se dá conta do perigo que existe ata que realmente o padece. Neste caso debemos aproveitar este tipo de desgrazas para sensibilizarnos con este tema e debemos esixir aos propietarios de fincas que están no entorno dos núcleos o seu coidado e mantemento, dentro do que marcan a Lei de Incendios, como a limpeza de maleza ou a corta daquelas especies arbustivas que non están plantadas nas distancias que establece a lei dentro dos núcleos. E no caso de que os propietarios non o fagan son os Concellos os que debemos facer un especial esforzo por indicarlles que deben facelo ou senón, no último extremo aplicar as accións coarcitivas necesarias. Xa vimos onte o importante papel dos cortalumes e ter o entorno dos núcleos limpos xa que hai determinados núcleos, que se algún día pasa a desgraza dalgún incendio, en condicións coma as de onte, sería practicamente imposible salvalos. Os veciños deben saber das súas obrigas e o Concello facer cumprilas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta