O Concello destinará 2 millóns de euros para pavimentar pistas no rural

O pasado xoves reuniuse a mesa de contratación para levar a cabo unha parte do primeiro proxecto de pavimentacións de pistas do rural que para esta actuación concreta conta cun importe de 565.453 euros e presentáronse un total de 12 ofertas. O xoves levaron a cabo a apertura do sobre A, pero había dúas empresas que lles faltaba documentación, entón dáselle un prazo de tres días para requirirlle o que lle falta e poder abrir o sobre C, o sobre dos criterios técnicos, para empezar a valorar ese sobre e finalmente abrirase o B que é o da oferta económica.“Agardamos a que esta obra estea adxudicada no mes que vén igual que as outras tres de pavimentacións, que temos un total 1.100.000 euros para proxectos de pavimentación integramente para o rural”, sinala o alcalde da Estrada, José López. Así o proxecto que está en marcha nesta liña, en proceso de licitación, é o de pavimentación en Orazo, Baloira, Frades e Couso por un importe de 150.000 euros. Nos vindeiros días lanzaranse outros dous: outro de 150.000 euros para facer actuacións en Ribela, Cereixo, Nigoi e Lamas e outro de 240.000 euros para facelas en Rubín, Berres, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Parada. O de algo máis de 565.000 euros, para o cal esta semana se reuniu a mesa de contratación, beneficiará a Lamas, Vinseiro, Rubín, Berres, Casa do Frade, San Miguel de Castro, Aguións, Guimarei, Cora, Baloira, Somoza, Callobre e Agar.López adianta que están traballando na elaboración dun novo proxecto para inicios de ano ao que van destinar outro millón de euros máis para novas actuacións de pavimentacións no rural. “Agardamos que de aquí a primavera, entre abril e maio, poidamos investir máis de dous millóns de euros no que son asfaltados de pistas rurais”. Este proxecto e tal como apunta o rexedor intentarán que estea financiado a principios de ano con fondos do Plan Concellos e con fondos municipais.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta