No EDUSI a única participación social que hai é a das multinacionais

Idom e Mercadona deseñan A Estrada do futuro, mentres o alcalde e o grupo de goberno do PP fan de axentes comerciais destas grandes empresas defendendo os seus proxectos, non as necesidades da Estrada

 “Non é unha proposta do PP (deseño da Alameda). É unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia da EDUSI”. Estas palabras do alcalde da Estrada definen o que é o EDUSI e como se van gastar 6 millóns de euros de fondos europeos, 1,5 dos cales serán para a Alameda. 
 
Consciente ou inconscientemente o alcalde da Estrada deixa claro que no EDUSI a única participación social que vai haber é a das multinacionais como Idom, presente en máis de 125 países, que deseñan proxectos en función dos seus intereses, non das nosas prioridades e necesidades que ten un concello como A Estrada, e que xa deixamos claro que nestes intres non pasa por ampliar e deseñar unha nova Alameda.
 
Estas palabras do alcalde da Estrada tamén definen o que é o EDUSI, multimillonarios fondos europeos que se gastan sen participación social de ningún tipo para que empresas multinacionais fagan o seu agosto, no canto de apostar polas empresas locais e galegas para dinamizar a economía e o emprego na nosa contorna.
 
Esta é a realidade do EDUSI que se disfraza de bonitas palabras como sustentabilidade e participación social, mais ao final os proxectos veñen impostos polas altas esferas do poder internacional, reducindo a meras comparsas as entidades e organizacións sociais que de boa fe participaron (e participamos) neste proxecto aportando propostas. O BNG xa deixou claro que así non, este non é o noso modelo nin tampouco seremos comparsas de ningunha multinacional.
 
Por outra parte as palabras do alcalde tamén deixan claro o que sempre dixemos do goberno municipal do PP, que non ten proxecto para A Estrada, e o que é peor, que son grandes empresas, como Idom, con vínculos co Opus Dei, ou Mercadona, os que deseñan A Estrada do futuro, no canto de ser os veciños e veciñas da Estrada a través dos seus representantes municipais, reducindo ao alcalde e ao seu grupo de goberno a meros axentes comerciais das empresas citadas.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta