A praia fluvial de Liñares acolle o venres o Mushing Tierra A Estrada, puntuable para a Copa de España

                                                              Competirán 150 participantes

A praia fluvial de Liñares acollerá este venres, día 8, a partir das 10.00 horas o Mushing Tierra A Estrada, que é puntuable para a Copa de España. Incluirá CaniCross, BikeJoring, Patín e Carros. O evento está organizado pola Federación Galega de Deportes de Inverno (FGDI), en colaboración coa Asociación de Cans Deportistas (Acade) e polo Concello da Estrada. O circuíto da carreira terá unha distancia de 5,7 quilómetros. Ao finalización da proba celebrarase unha proba de Relevos e un Canicross Popular que se rexerá polas mesmas normas. O circuíto infantil, o de relevos e o de CaniCross Popular terán todos unha distancia de tres quilómetros. A competición foi presentada esta mañá polo concelleiro de Deportes, Ismael Pena, e por Roberto Salvado, director da proba deportiva e participante.

Esta proba está rexida polos regulamentos da Federación Española de Deportes de Invierno (RFEDI) e poden consultarse nas páxina webs www.rfedi.es e en www.fgdi.es

A competición está aberta aos deportistas con licenza RFEDI. O CaniCross popular está aberto exclusivamente a deportistas sen licenza RFEDI e a organización contratará un seguro deportivo de accidentes para todos os participantes de dita proba. O circuíto para todas as disciplinas Mushing discorrerá por camiños de herba e de terra sendo un recorrido rápido aínda que teña algunha subida con pouca pendente. Ten punto técnicos de condución con varias curvas de 90 grados que poñerán a proba a pericia e manexo de cans.

Ademais, os cans dos deportistas do CaniCross Popular deberán ter un seguro de responsabilidade civil que cubra especificamente durante a práctica deportiva os danos que poidan ocasionar os animais. Ningún can poderá competir en dúas modalidades ou categorías, agás que a segunda sexa relevos e unha vez que comece a proba non se poderá cambiar ningún animal. Haberá diversas categorías e circuítos.

No CaniCross Infantil o participante irá acompañado dun adulto federado con equipación regulamentaria e liña de tiro ao can máis longa que a do neno. A función do adulto é garantir a seguridade do rapaz e só pode intervir en caso de problemas de control do can. O adulto só pode axudar ao neno a controlar ao can, pero non pode estimulalo nin a el nin ao animal. Será necesario que haxa cinco participantes para poder abrir a modalidade ou categoría. En caso contrario, agrupáranse segundo o regulamento, e abrirase a Categoría Nórdicos en calquera modalidade sempre que se cumpra o anterior e os interesados avisen en prazo de inscrición.

“Os relevos son as primeira vez que se van facer aquí na Estrada e nunha proba de copa e fórmanos equipos de tres participantes, un vai en canicross, outro en patín e o outro en relevos”, apunta Salvado. O número de participantes bateu o récord con relación aos outros anos chegando case aos 150 participantes entre as distintas modalidades: en canicross sobre 60, en  bikeJoring sobre 40, en patín 20, tiro de catros cans 3, na popular 11 e en relevos cinco equipos, polo tanto 15 participantes. Competirán deportistas de renome, moitos deles campións e subcampións do Campionato de España de Valladolid, que se acaba de celebrar a pasada fin de semana.

O xoves de 18.00 a 20.00 horas haberá xa un control veterinario e o venres continuará de 08.00 a 09.00 horas. O recorrido será o mesmo que o ano pasado pero realizarase de maneira inversa. Outra das novidades é que ademais de poder ver a competición en directo por streaming vai haber a maiores unha pantalla xigante na explanada da praia para que tanto os corredores coma o público poidan seguir a proba.

A entrega de trofeos está prevista para as 13.30 horas. Os premios consistirán en un trofeo e penso para os tres primeiros de cada categoría constituída, pero todos os participantes inscritos recibirán de agasallo unha bolsa de corredor.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta