O paro segue baixando na Estrada e foron 35 persoas as que acadaron un emprego no mes de abril

O departamento de Emprego municipal, correspondente á Concellería de Promoción Económica liderada por Óscar Durán,  fai un balance moi positivo dos últimos datos referentes ao paro rexistrado na Estrada. A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de publicar as últimas estatísticas referentes aos datos do paro na Estrada para o mes de abril, os cales indican novamente unha tendencia á baixa no que ao número de persoas en situación de desemprego se refire. Son 35 as que durante este último mes acadaron un emprego na Estrada situando a cifra total de persoas desempregadas en 1316.

 

Deste xeito, consolídase a tendencia baixista en relación ao resto do ano ( xa no mes de febreiro e marzo se produciron sendas baixadas con 38 e 45 persoas menos en situación de desemprego respectivamente). “Obviamente queda moito traballo por facer para reducir a taxa de desemprego, se ben, desde a administración local somos conscientes de que cabe centrar todas aquelas políticas activas de emprego na consecución desde obxectivo”, sinala Durán. 

 

Desde o concello da Estrada púxose en marcha o ano pasado un portal de emprego o cal se actualiza diariamente ofertando diferentes formacións, tanto impulsadas polo propio Concello como publicitando formación doutros organismos para favorecer deste xeito, a cualificación profesional das persoas desempregadas e facilitarlles á súa inserción no mercado laboral.

 

“Así escoitando as demandas que os nosos veciños e veciñas nos achegaron organizamos o pasado mes unha formación de acompañante de transporte e comedor escolar e xa estamos traballando na convocatoria dunha nova edición; así como noutra dun curso de prevención de riscos laborais, requisito imprescindible cada vez máis para inserirse no mercado de traballo”, indica o concelleiro.

 

 

Préstase unha especial atención desde o portal ás ofertas de emprego. Diariamente os técnicos deste departamento realizan un rastreo de tódalas ofertas de traballo que se anuncian noutros portais referentes á Estrada e aos municipios da nosa contorna. Cómpre destacar a excepcional situación xeográfica da Estrada para achegarse a diferentes concellos relativamente próximos e poder traballar alí.

 

Cabe subliñar que cada vez son máis as empresas que se poñen en contacto directamente co departamento de Emprego para achegar as súas ofertas de traballo e mesmo para que sexa o propio departamento o que realice os filtros de selección de persoal. “É moi útil este servizo xa que a administración local é precisamente a que se atopa máis cerca dos nosos veciños e veciñas e polo tanto, é coñecedora en primeira man do perfil dos nosos desempregados”, comenta o edil.

 

O portal de emprego ten unha media de 729 visitas diarias e a páxina de Facebook asociada á mesma ten un alcance semanal de máis de 17.669 persoas cun total de 5.711 seguidores. Así mesmo, o departamento de emprego municipal atende a unha media de 15 persoas semanais prestando asesoramento en materia de orientación laboral, realización de currículos, inscrición en portais de emprego e procesos de selección administrativos, así como simulación de entrevistas de traballo a fin de que as persoas acudan aos procesos de selección con máis seguridade. Tamén se facilita información referente á alta e creación de empresas, axudas e subvencións e todo o referente ao emprendemento.

 

Pola súa parte, o departamento de orientación laboral adscrito a emprego e que traballa en sintonía co Servizo Público de Emprego de Galicia atende a unha media de catro persoas desempregadas diarias.  “O emprendemento é un dos piares fundamentais de xeración de emprego na Estrada e é por esa razón que se ven de modificar o noso portal de emprego destacando precisamente esta categoría profesional”.

 

Así, desde a semana pasada o portal conta cun apartado específico adicado integramente aos emprendendores no que se pode atopar toda a información referente ás diferentes axudas e subvencións para este colectivo, tanto da Xunta de Galicia, do Estado, da Unión Europea e do propio Concello da Estrada. Facilítase o acceso á lexislación de interese así como á outros organismos de apoio ao emprendemento. Destacando o apartado contratos administrativos no que se achega ás empresas de forma puntual as ofertas de contratación das subministracións.

 

“É polo tanto moito o traballo que hai detrás do departamento, e son boas novas as que as últimas estatísticas nos veñen de deixar, sen restar importancia á necesidade de seguir traballando para conseguir que cada vez sexan menos os estradenses en situación de desemprego”, conclúe Durán.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta