Presentación do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, este sábado na Estrada

A Sala Abanca da Estrada (Rúa Calvo Sotelo) acollerá este sábado, 5 de maio, a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, que dará comezo ás 19:00 horas, intervirán ademais da propia europarlamentaria, a concelleira do Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE) Mar Blanco Casais, e Eva Bastón Martínez, integrante do Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Continúa deste xeito a rolda de presentacións do libro que a eurodeputada está a facer por varias localidades galegas. Así, despois de que a mediados de abril tivera lugar a presentación en Chantada, e a semana pasada en Vigo, este sábado será a quenda da Estrada e a vindeira semana, concretamente o venres 11 de maio, presentarase tamén no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas. 

Senra pretende con estes actos dar a coñecer a publicación, que se distribúe ademais de xeito gratuito, e poñer a énfase no debate para lograr acabar co patriarcado que a día de hoxe continúa a imperar na sociedade, na xustiza e tamén nas organizacións políticas e sindicais. A eurodeputada critica “como se inventan todo tipo de argucias para castigar ás mulleres e seguir provocando dor e sufrimento e como esas argucias son aplicadas, en demasiadas ocasións, pola xustiza sen ningún tipo de base”. Así, chama a rebelarse contra o nesgo machista na xustiza e tamén a reflexionar sobre a necesidade de combater as resistencias que sigue habendo nas organizacións para que as mulleres feministas teñan voz. 

Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia SenraA publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta