ABANCA únese aos empresarios de ACOE para facilitar o acceso ao crédito na Estrada

  • O banco asina un convenio de colaboración para facilitar o investimento e a constitución de empresas
  • Os empresarios asociados gozarán de mellores condicións na contratación de produtos da entidade financeira galega
  • A entidade financeira comeza hoxe na localidade unha campaña que bonifica cun 5% de desconto as compras de clientes efectuadas en comercios con TPV de ABANCA

 ABANCA e a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, o investimento e a mellora competitiva das empresas adheridas a esta organización.

O presidente de ACOE, Alfredo González, e o director de zona de ABANCA en Deza/Tabeirós, José Antonio Seoane, rubricaron hoxe na sede da Asociación de Comerciantes de A Estrada, un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do sur de Galicia.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores da localidade asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Este colectivo contará con produtos especificamente deseñados para facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais na zona ou a mellora competitiva dos que xa están establecidos. Á súa disposición ABANCA pon tamén préstamos e hipotecas dirixidos ao investimento, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e con xuros moi competitivos.

De maneira adicional, os empresarios asociados contarán, en condicións especiais, con outros produtos da entidade financeira galega específicos para atender as necesidades do día a día das empresas, como pólizas de crédito, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, asinado entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra.

 

Impulso ao comercio

Do mesmo xeito, o acordo asinado inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade, así como o acceso a APLAZOS, o servizo de compras de ABANCA. Os empresarios adheridos a ACOE poderán acceder tamén ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

ABANCA precisamente comeza hoxe unha campaña de apoio ao comercio na Estrada e Lalín, que incentiva as compras nos negocios de proximidade, excepto supermercados e gasolineiras. Esta acción permite que os clientes cunha tarxeta de crédito de ABANCA poidan beneficiarse dun desconto automático do 5% cando merquen en establecementos que conten cun TPV de ABANCA. A iniciativa estenderase ata o 15 de xullo.

ACOE, constituída en 1998, agrupa os intereses de preto de 170 empresas que impulsan a mellora competitiva deste territorio. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas na comunidade e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta