A degustación popular enche o Novo Mercado e remata cos 6.000
pinchos de vinte receitas servidos por dez establecementos
O alcalde estradense pon en valor o certame calificándoo “como unha
das dez citas gastronómicas máis importantes e prestixiosas de Galicia”
A 45ª Festa do Salmón volveu repetir as súas cifras récord de
asistencia con 12.000 persoas ateigando as rúas da Estrada, o que permite igualar o tope de
participación acadado no ano 2014. Deste xeito, o “rei do río” volveu demostrar o seu crecente
poder de convocatoria e encheu o Teatro Principal no acto institucional, o Novo Mercado e a
súa contorna para a degustación popular, a Zona dos Viños e outras rúas con gran peso
hostaleiro, así como os restaurantes e moitos domicilios particulares que aproveitaron a
xornada festiva para convidar a familiares e amigos en torno ao salmón.
O “día grande” arrancou a media mañá coa recepción de autoridades por parte do alcalde
estradense, José López, e do resto da corporación municipal. Ata a festa achegáronse o
conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez; as directoras xerais de Turismo e
Administración Local, Nava Castro e Marta Fernández-Tapias; e o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, entre outros.
Tras a benvida protocolaria, a actividade festiva arrancou no Teatro Principal coa lectura do
pregón a cargo do neurocientífico Carlos Acuña Castroviejo e coa imposición dos Salmóns de
Ouro ao propio pregoeiro, á Coral Polifónica Estradense, que interpretou un tema en sinal de
agradecemento, e á Fundación Casa Ducal de Medinaceli, que é a encargada de rexer os
destinos do Pazo de Oca.
Neste acto institucional, o alcalde estradense aproveitou a súa quenda de intervención para
poñer en valor e reivindicar o certame: “Temos unha festa moi grande e por iso hoxe quero
destacar a importancia desta cita culinaria, xa que, como en moitos sitios, moitas veces
valoramos máis o de fóra que o propio dun xeito inxusto. Temos unha festa que non xurdiu da
ocorrencia de ninguén, senón que naceu das augas do Ulla e do bo saber das cociñas da
Estrada para preparar as moitas capturas de salmón ata converterse no pobo que mellor o
cociña de España”, comezou o rexedor local.
López proseguiu louvando a festa lembrando que “ten unha razón de ser que naceu da nosa
natureza, que forma parte da nosa identidade e que se atopa no seo das tradicións” dos
estradenses e engadiu que se trata “dunha das dez citas gastronómicas máis importantes,
prestixiosas e antigas de Galicia”. “Temos unha gran festa construida por todos durante case
medio século e quero agradecer o tesón de todos para situala no lugar que se merece”,
detallou, antes de felicitar ao pregoeiro e aos beneficiarios dos Salmóns de Ouro, así como ao
Centro de Iniciativas e Turismo e á Sociedade Deportiva Río Ulla. “Son dúas entidades clave e
sen selas a festa non sería o mesmo e, sen dúbida, sería peor”, concretou.
Finalmente, tivo unhas palabras especiais para a hostalaría, a restauración e os cociñeiros da
Estrada “polo cariño, calidade e imaxinación que aplicades á hora de preparar as vosas
receitas de salmón, nas que misturades á perfección os pratos máis tradicionais coas
propostas máis innovadoras” e apostillou que desde o Concello vaise seguir traballando para
desestacionalizar este prato máis aló da primavera.
Tras este acto, o protagonismo do programa trasladouse ata o Novo Mercado e a súa contorna,
onde os asistentes remataron cos 6.000 petiscos de existencias –repartidos en 3.000 bandexas
con dúas racións cada unha– elaborados por unha decena de establecementos con vinte
receitas distintas. Mentres se gozaba do salmón en plena rúa, o público que encheu este
espazo da vila animouse coa música de Carlos Barruso Cuarteto e con actividades infantís.






























































