Rapa das Bestas doará parte da recadación do curro solidario do luns 9 ao Banco de Alimentos

  • A asociación reservará o 75% deses ingresos para atender necesidades
    que buscan mellorar as condicións de vida dos cabalos e para a realización
    de desbroces
  •  A falta de 19 días para o comezo da Rapa 2018, o gabinete de
    comunicación xa leva acreditados preto dunha trintena de profesionais de
    España, Estados Unidos, Países Baixos e Portugal

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo doará parte da
recadación do curro solidario do luns 9 de xullo á Fundación Provincial do Banco de Alimentos
de Vigo, unha entidade sen ánimo de lucro que busca alimentos, almacénaos, clasifícaos e
distribúeos a cerca de 200 colectivos da provincia que axudan a máis de 25.000 persoas.
O Banco de Alimentos, que comezou a súa actividade no ano 1995, repartiu ao longo do ano
2017 arredor de 1.900.000 quilogramos de alimentos a colectivos e centros situados en
Pontevedra capital, Vigo, Marín, Sanxenxo, Lalín, Caldas de Reis, A Guarda, Redondela,
Baiona, etc. Entre os colectivos receptores destes alimentos atópanse asociacións benéficas,
residencias e asilos de anciáns, comedores benéficos, gardarías e comedores infantís, centros
de acollida para toxicómanos, centros para discapacitados, conventos e colexios, Cáritas
Parroquial, etc.
Nesta ocasión, a Asociación Rapa das Bestas acordou destinar ao Banco de Alimentos o 25%
da recadación do curro solidario, posto que a cantidade restante empregarase en atender
diferentes necesidades para a mellora das condicións de vida dos cabalos e tamén á
realización de desbroces no monte, tanto para procurar a mellora dos pastos como para
combater o risco de incendios forestais no hábitat dos cabalos.
Menos de 20 días
Por outra banda, cando faltan exactamente 19 días para o comezo da Rapa 2018, segue
avanzando a bo ritmo a venda on line anticipada das entradas para o curro e o gabinete de
comunicación comeza a incrementar o seu ritmo de traballo. Ata a data xa están acreditados
preto dunha trintena de profesionais da imaxe e da comunicación procedentes de diferentes
puntos de España e tamén de Estados Unidos (Nova Iorque), Países Baixos e Portugal.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta