Durante o paso do Rally Botafumeiro, a PO-213 permanecerá pechada

A PO-213 permanecerá pechada o vindeiro sábado 25 de agosto durante a realización da proba do XXVI Rally Botafumeiro. A dita proba realizarase por esta vía da Estrada en dirección a Ponte Ulla e o corte afectará ás parroquias de Aguións, Barbude e Paradela.

A estrada permanecerá pechada dende as 7:30 h do sábado ata a finalización da proba, cuxo final se prevé sobre as 16:15 h da tarde, segundo informaron fontes da organización da competición.

A proba consta de dúas pasadas polo mesmo percorrido, empezando a primeira ás 9:24 h da mañá e a segunda, ás 12:53 h do mediodía.

O lugar no que se cortará a estrada sitúase á altura do cruce de desvío cara a Santeles, na parroquia de Aguións, ata o cruce da ponte de Sarandón, onde a proba abandona o trazado da PO-213 para continuar por estradas da provincia da Coruña.

Rógase aos veciños afectados que teñan en conta a celebración da competición á hora de realizar as súas xestións para que este corte lles cause o menor número de contratempos aos usuarios desta estrada e das vías que, dunha ou doutra forma, atravesan a zona.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta