O alcalde da Estrada, José López, e o tenente de alcalde Juan Constenla asistiron onte, en representación da vila e acompañados por unha decena de mozos estradenses, a sendas recepcións que o presidente da Municipalidade de Lido-Pellestrina e o dirixiente escolástico do Istituto Polo Técnico Profesionales Vendramin Corner lle ofreceron á comitiva de mozos galegos que esta semana visitan Venecia para participar nun intercambio cultural.
O programa de actividades incluíu distintas visitas de carácter cultural que desde este pasado luns levou á comitiva a visitar a Basílica, a praza de San Marcos, o museo Correr, o Palacio Ca´Rezzonico, así como as illas de Murano e Burano. Dende mañá e ata o sábado, a expedición visitará a Academia de Belas artes, a escola de San Rocco e os Museos Leonardo da Vinci e de Historia Natural.
Esta iniciativa, enmarcada dentro das relacións bilaterais que mantén Galicia con distintas entidades doutros países, trata de facilitarlles aos xoves estradenses a interacción con mozos doutras realidades culturais e lingüísticas, ademais de favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias que faciliten o seu desenvolvemento persoal.
Unha decena de mozos venecianos, cos que se realiza este intercambio, devolverán a visita nos próximos meses a Galicia combinando actividades de ocio educativo e a asistencia aos centros e monumentos máis representativos da nosa cultura.






































