• O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca o apoio
da Xunta a esta publicación e «a aposta pola lingua galega como sinal da
denominación de orixe e da autenticidade do moble galego»
• O presidente da ACE, Fernando Martínez, invita aos expositores a «exhibir
mobles bos e novos» para aproveitar «as boas expectativas» dunha edición
que «marcará o inicio dunha nova etapa da feira»
A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade
organizadora da 32ª Feira do Moble de Galicia, presentou hoxe unha revista
promocional sobre o certame e os 65 expositores que asistirán, da que se distribuirán
4.500 exemplares nas vindeiras semanas co obxectivo de atraer a milleiros de
visitantes ata o recinto feiral da Estrada entre o 19 e o 23 de setembro.
Xunto co xerente da fundación, Nemesio Rey, na rolda de prensa ofrecida esta mañá
no salón de actos participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, e o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez.
Cando faltan exactamente 12 días para que se inaugure a feira -o mércores 19, ás
12.30 horas-, Nemesio Rey agradeceu a implicación de tódolas persoas, entidades e
institucións que posibilitaron a edición desta revista, entre os que citou á Xunta de
Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e o GDR Terras de
Pontevedra Norte.
En relación cos preparativos da feira, o xerente lembrou os tres cambios substanciais
introducidos este ano co ánimo de relanzala: en primeiro lugar, a redución da duración
da feira, pasando de nove a cinco días, e a redistribución do espazo de exposición,
a través da retirada dos clásicos stands fixos e da ubicación da meirande parte das
empresas da Estrada no pavillón 3, que será o da entrada na feira; en segundo lugar,
a limitación de expositores de sectores complementarios e «de recheo» e unha maior
aposta polos expositores de mobiliario, interiorismo e decoración -confirmou que
asistirán 65 expositores en total, dos cales 15 son da contorna da Estrada-; e en
terceiro lugar, un reforzo do investimento en publicidade e comunicación para tratar de
captar novo público, a través de ferramentas como a revista presentada hoxe.
Pola súa parte, Valentín García, destacou «a relevancia da Feira do Moble para a
potenciación da zona da Estrada» e remarcou a implicación de distintos departamentos
da Xunta de Galicia para posibilitar a súa edición, entre os que citou á Consellería de
Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria e a Consellería do Medio Rural (a través de Agader), ademais da propia
Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O secretario xeral aplaudiu que a comunicación da Fundación de Exposicións e
Congresos da Estrada se realice en galego tanto na páxina web www.feiradomoble.gal
como nesta revista porque considera preciso «entender a aposta pola lingua galega
como sinal da denominación de orixe e da autenticidade do moble galego».
En canto ao presidente da ACE, Fernando Martínez aproveitou a súa intervención para
recoñecer que «a introdución de cambios importantes na feira» e para manifestar a súa
esperanza «en que dean bo resultado»: «agora o máis importante van ser os
expositores e por iso lles pido que veñan exhibir materiais e mobles bos e novos; é
certo que nos últimos anos había a tendencia de repetir deseños e estábase a perder
valor, pero penso que nesta edición vai haber grandes sorpresas e vaise marcar o
inicio dunha nova etapa da feira».






































