• O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey,
realizará o martes un balance exhaustivo desta edición, que cualifica como
«a mellor dos últimos tempos»
• O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclama na súa visita ao
recinto feiral proxectos como a Cidade do Moble, a ampliación do solo
industrial en Toedo e o remate da autovía desde Santiago
O recinto feiral da Estrada acaba de pechar as portas da
32ª Feira do Moble de Galicia tras recibir a visita de preto de 12.000 persoas
desde o pasado mércores, alcanzando en só cinco días as cifras de afluencia
de público rexistradas durante as nove xornadas da feira do ano pasado.
O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey, indicou
que esta xornada dominical foi «con gran diferencia» a que concentrou un maior
número de visitantes -especialmente entre as catro e as oito da tarde- e
destacou que «había tempo que non se lembraban colas de espera para
comprar as entradas».
Segundo avanzou, o martes comparecerá nunha rolda de prensa para expoñer,
desde a perspectiva da organización, un balance exhaustivo desta edición, á
que se referiu «como a mellor dos últimos tempos», e para facer tamén unha
valoración dos resultados das enquisas realizadas aos visitantes, que xa se
darán a coñecer ao longo da xornada de mañá.
Visita de Gonzalo Caballero
A xornada de hoxe tamén estivo marcada ao mediodía pola visita do secretario
xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que aproveitou o seu percorrido polos
stands para «poñer en valor a Feira do Moble da Estrada, que é unha referencia
do sector a nivel nacional e internacional e un elemento significativo para o
desenvolvemento da Estrada e da contorna e que representa tamén a
capacidade do sector produtivo galego de dar emprego, de facer investimentos
e de adaptarse aos novos tempos internacionais».
Gonzalo Caballero cuestionou tamén que «Feijoo siga na súa escalada de
especulación sobre o seu futuro mentres A Estrada segue a ter problemas moi
importantes para ser arranxados». Así, apuntou que «a Feira do Moble é unha
mostra evidente de que hai un potencial produtivo en Galicia que necesita de
impulso desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria e desde o
Goberno da Xunta de Galicia, que non está a cumprir os seus deberes cos
sectores produtivos do país».
«Os incumprimentos da Cidade do Moble, os problemas de infraestruturas, en
concreto a autovía de conexión con Santiago, os problemas de solo industrial
cun polígono que está esgotado e que non permite que haxa maior capacidade
de industria nesta bisbarra e os recurtes sociais da dereita poñen enriba da
mesa un problema real, que é que A Estrada, un concello de referencia na
estrutura xeográfica de Galicia, está nunha situación dunha encrucillada
histórica; porque concellos como A Estrada, en función do que se faga coas
políticas públicas poderán ter a posibilidade de ser concellos importantes con
calidade de vida para os seus cidadáns ou acabarán estando nunha liña de
esgotamento que os converterá en concellos cada vez máis envellecidos e sen
posibilidade de futuro para xente máis nova e sen capacidade de xerar
emprego. Para iso é necesario rexenerar o plan de traballo sobre o sector do
moble na Estrada, que incorpore unha actividade de I+D+i, que é fundamental
para poder dinamizar o sector produtivo e facelo máis competitivo», remarcou.






































